Acusan o Concello de Chantada de asinar "en segredo" un convenio eólico "ruinoso" e exixen a dimisión do alcalde
O grupo municipal Por Chantada–Interior Galego Vivo (PC–IGV) vén de facer público o convenio asinado o pasado 14 de maio entre o alcalde de Chantada, o popular Manuel Varela, e as empresas Tipuana Wind SL e Seyal Wind SL, promotoras dos macroparques eólicos Agratina e Agromaces (116,91 MW). A formación asegura que este acordo, que afecta as parroquias de Vilaúxe, Pereira, Asma, Viana, Esmoriz e Bermún, así como a Pradeda, Cartelos, O Castro e Asma, no concello veciño de Carballedo, "ameaza o futuro e a propiedade" deste territorio.
Tras meses de agarda e reiteradas solicitudes de información no plenoleno, PC–IGV conseguiu acceso ao documento, que, segundo afirman, "confirma o peor": que o Concello “foi posto ao servizo das empresas e non da súa veciñanza”.
A formación considera que o convenio resulta "gravísimo" por múltiples razóns. En primeiro lugar, aseguran que foi asinado en segredo, sen pasar polo pleno, sen resolución da Alcaldía e sen comunicación á Xunta de Goberno, excluíndo de maneira deliberada a veciñanza e os grupos da oposición. Tamén critican a duración desorbitada, 30 anos desde a entrada en funcionamento dos parques, "unha hipoteca a longo prazo comparábel ao que o propio alcalde fixo co contrato da auga con Viaqua".
Outro aspecto cuestionado é a existencia dunha cláusula de silencio que obriga o Concello a "manter segredo" durante 35 anos sobre traballos e actividades, o que, denuncian, impide que información chave poida beneficiar as parroquias afectadas ou futuros gobernos locais. Ademais, destacan a blindaxe para as empresas, que poderán vender dereitos ou parques mantendo o convenio intacto, sen opción de renegociación por parte do Concello.
Un cheque en branco
As condicións económicas tampouco convencen PC–IGV. O acordo só destina ás arcas municipais un 2,5% do beneficio anual durante os cinco primeiros anos —cando practicamente non hai beneficios, pola amortización do investimento—, baixando despois ao 1,5% entre os anos 6 e 10 e a apenas un 1% entre os anos 11 e 30. "Un negocio redondo para as empresas, unha estafa para Chantada", denuncian.
Para maior agravio, lembran que o Ministerio solicitou o 27 de maio ao Concello que se pronunciase sobre a súa conformidade, oposición ou reparos e que estabelecese os condicionados técnicos pertinentes. O Goberno local, din, "gardou silencio", facilitando un silencio administrativo positivo que equivale a "un cheque en branco ás promotoras para o espolio do territorio, en canto as casas, as granxas, as traídas e as fincas da nosa veciñanza se ven ameazadas".
Dimisión por "desleixo e incompetencia"
"O alcalde debe dimitir. Ou ben asina un contrato leonino por desleixo e incompetencia, hipotecando o futuro do noso territorio, ou ben terá que explicar que contraprestacións poden levar a alguén a asinar un convenio tan ruinoso para Chantada. En calquera caso, non pode seguir no cargo nin un día máis", subliñan desde PC–IGV.
"Este episodio confirma que en Chantada, como diría Horacio no Hamlet de Shakespeare, 'algo cheira a podre en Dinamarca'", conclúe a formación.

