Activistas ecoloxistas denuncian a nocividade da gandaría industrial no rural da Galiza

Imaxe da acción ante a factoría de Coren.

Realizaron unha acción de protesta diante das instalacións de Coren no Porriño.

Activistas de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), denunciaron ante o maior centro de procesado de porco da Galiza, as instalacións de Frigolouro no Porriño, de Coren, o impacto negativo da gandaría industrial no rural do país. Colocaron medio cento de sinais reclamando a prohibición desta actividade.

 

Con esta acción, as organizacións pretenden tamén a sensibilización ante este problema ambiental. “A gandaría industrial contribúe moito ao cambio climático e á contaminación por nitratos da terra e da auga, mentres a agricultura e gandaría tradicionais producen alimentos de calidade, preservan a biodiversidade e protexen un ben esencial como a auga”, apuntan.

“A gandaría industrial concéntrase en producir moito, producir rápido e producir ao máis baixo custo posíbel, máis non ten en conta as consecuencias ambientais, sociais e de malos tratos animais, entre outras. Queremos concienciar a poboación do grave impacto que está a ter a proliferación sen control da mesma. Cómpre unha moratoria para pór freo á concesión de novas licenzas ou ampliación das xa existentes e transitar cara a outro modelo máis ecolóxico e extensivo, reducindo a carga gandeira cando menos 50 % para 2030”, apuntou Manoel Santos  voceiro da acción da Coordinadora na Galiza.

Contaminación da auga e cambio climático

A contaminación da auga por nitratos no Estado español é tan grave que levou á Comisión Europea a denunciar o Estado español ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea por incumprimento da Directiva de Nitratos, o que podería rematar nunha multa millonaria.

10% da superficie agraria galega, unhas 60.000 hectáreas, están contaminadas por nitratos

Malia as reiteradas denuncias a Xunta segue sen declarar ningunha Zona Vulnerábel á Contaminación por Nitratos, pese aos efectos nocivos que a gandaría está a causar en comarcas como A Limia, O Deza, Bergantiños ou A Terra Chá entre outras. Esta declaración corresponde á Xunta, que se resiste a facela, malia que recentemente recoñeceu que cando menos 10% da superficie agraria galega, unhas 60.000 hectáreas, están contaminadas por nitratos. De igual modo, os acuíferos ou augas subterráneas tamén están moi contaminadas, especialmente na Limia, por mor da agrogandaría industrial e no río Louro, onde se sitúa Frigolouro, por mor da presión industrial.

Por outra parte a gandaría intensiva é tamén unha gran xeradora de gases con efecto invernadoiro (GEI) en toda a súa cadea de produción. Dende 1990 as emisións da mesma non paran de medrar, xunto a outras coma o transporte, mentres que as procedentes do sector enerxético baixan. A Galiza é, despois de Catalunya, a comunidade con maior xeración de GEI provocadas pola ganadería industrial, con 12% do total.