As organización agrarias galegas demandan medidas contra a contaminación por nitratos da gandaría industrial

A Comisión Europea sinala a ausencia de control na Galiza e no Estado da contaminación por nitratos das augas xerada polas explotacións gandeiras industriais.
A industria porcina de carácter intensivo é acusada de xerar contaminación por nitratos nas augas (Foto: Europa Press).
photo_camera As explotacións porcinas de carácter industrial son acusadas de xerar contaminación por nitratos nas augas (Foto: Europa Press).

A Comisión Europea presentou unha demanda contra o Estado español polos incumprimentos que o Goberno estatal e os Executivos de varias autonomías, entre elas a Galiza, realizan da normativa de impacto ambiental da gandaría industrial. A demanda de Bruxelas contra o Estado español ten como motivo a vulneración da Directiva relativa á protección das augas contra a contaminación por nitratos de orixe agraria.

Bruxelas critica que os Gobernos español e da Galiza, Castela e León, Estremadura, Illes Balears, Illas Canarias, Madrid e  País Valencià sigan sen estabelecer zonas vulnerábeis a este tipo de contaminación, "pese a que os datos obtidos a través da rede de control da contaminación provocada polos nitratos de orixe agrícola xustifican a súa designación".

Necesidade de medidas

En conversa con Nós Diario, Elías Somoza, coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), sinala que "na Galiza aínda gozamos dunha agricultura un tanto extensiva". Porén, explica, "o problema provén do modelo agrogandeiro que se está promovendo, que concentra as cabezas de gando en moi poucas explotacións e deixa importantes zonas do país desérticas". 

"Perdeuse boa parte da superficie agraria útil que serviría para a alimentación do gando en beneficio dos intereses das grandes madeireiras como Ence", explica Somoza."Habería que ir traballando máis activamente nunha lexislación que limite o tamaño das granxas de produción intensiva, estamos chegando a uns límites de concentración moi elevados", subliña o representante da Fruga.

Pola súa parte, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), recalca a necesidade de "equilibrar a terra dispoñíbel co número de cabezas de gando". "O Goberno galego e o do Estado español levan moitos anos promovendo un modelo de gandaría industrial con elevada carga de animais que xera uns residuos que non poden ser tratados como fertilizante ao non existir un equilibrio coa terra", explica Somoza.  

"Na Galiza tense denunciado que en determinadas comarcas, como na Limia, hai empresas que levaron unha cantidade excesiva de xurros á terra xerando contaminación por nitratos, e o Goberno galego mirou para outro lado", denuncia a dirixente do sindicato.

O secretario xeral de Unións Agrariaa (UUAA), Roberto García, en declaracións a este xornal, afirma que "non existen gandarías industriais na Galiza, o que hai son producións intensivas". "É certo que hai determinadas zonas onde a posibilidade de empregar a base territorial para ter producións en extensivo é máis limitada, e por ter que garantir uns ingresos mínimos por explotación, desenvolvéronse de forma abusiva  producións integradas (de varias especies) para complementar ingresos sen apostar por unha agricultura e unha gandaría sustentábeis", sostén Roberto García. A raíz disto, explica,  "hai un problema socioeconómico de fondo para o que temos que buscar unha solución razoábel".

O problema da competencia desleal de terceiros Estados

As organizacións agrarias coinciden en sinalar a competencia desleal derivada da importación de produtos de terceiros Estados que non cumpren cos estándares exixidos na Unión Europea (UE). Somoza afirma que "toda a competencia desleal supón un problema, se nós temos unhas medidas o lóxico é que todo o mundo as teña que cumprir". Para Isabel Vilalba esta circunstancia "é un problema moi grave", denuncia que "os Gobernos nas negociacións con terceiros Estados empregan a agricultura como moeda de cambio e a raíz diso entra moito produto que non cumpre coas exixencias que temos que cumprir na UE". Pola súa parte, Roberto García pide "as mesmas normas dentro que fóra" e sinala a "apertura das fronteiras a Estados como Marrocos, os Estados Unidos de América ou a Arxentina" que "realizan prácticas que na UE están prohibidas".

Comentarios