Activistas e colectivos reúnense en Vilalba para “o acaparamento de terras en favor da industria”

Xornada Nacional en Defensa da Terra organizada polo Sindicato Labrego Galego (SLG)

O Sindicato Labrego Galego reúne máis de vinte entidades e plataformas en Santaballa (Vilalba) para analizar o fenómeno do emprego cada vez maior das terras para actividades industriais e en detrimento da produción de alimentos e do uso e desfrute das comunidades rurais vinculadas ao territorio

En opinión do Sindicato Labrego Galego (SLG), Galiza sufriu un importante proceso de acaparamento de terras favorecido polas políticas industriais e forestais das últimas décadas. Lembran que no sector lácteo, as 350.000 hectáreas das que dispoñía en 1989 reducíronse a 220.000, concentrándose 40% da produción leiteira do Estado en 8% do territorio galego. Por este motivo organizaron unha Xornada Nacional de Defensa da Terra este sábado 8 de febreiro en Santaballa (Vilalba) na que participan máis de vinte colectivos e plataformas.

A Xornada comezou coas intervencións de Margarida Prieto Ledo, coordinadora do Sindicato Labrego Galego na Terra Chá; e de Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral. Da súa introdución, tiráronse datos que desde o sindicato consideran preocupantes, como o feito de perdermos, nos últimos trinta anos, 20% da nosa superficie agraria útil, unhas 150.000 hectáreas. “Galiza ten unha das porcentaxes máis baixas da UE de terra agraria: menos de 22%, fronte a unha media comunitaria que se achega a 40%”, sinalan. “Os expertos din que, para termos un sector lácteo competitivo, deberiamos mirar o exemplo de Irlanda”, explican, “non lles falta razón, mais acontece que máis de 70% do territorio irlandés é superficie agraria”.

Ademais do acaparamento de terras, Isabel Vilalba tamén chamou a atención sobre a degradación da que quede. "A deficiente xestión dos refugallos, como o xurros da gandería industrial ou os lodos de depuradora, están creando un problema ambiental de proporcións aínda descoñecidas e contaminando con tóxicos amplas superficies do territorio e os recursos hídricos da Galiza", asegura, "e habería que engadir o problema da desertización, con máis de 40% do solo galego degradado polos incendios, os eucaliptos e a escasa achega de materia orgánica á terra que favorece a súa erosión", engade.

Finalmente, a secretaria xeral do SLG sinalou como colaboradora e instigadora necesaria de todo este proceso á propia Xunta da Galiza gobernada polo Partido Popular. "O seu apoio incondicional e activo ás diversas formas de acaparamento de terras ten a súa mellor expresión nas diversas leis que creou ou nas que está a traballar para facilitar o acaparamento de terras", explica.

O encontro continuou co traballo en grupos cuxa temática deixa constancia das diversas frontes nas que se expresa o acaparamento de terras na Galiza: minaría, parques eólicos, forestación de terras agrarias e monocultivos forestais para biomasa e produción enerxética, urbanismo e infraestruturas, gandería industrial e, finalmente, un grupo mixto para analizar outras formas menos coñecidas de apropiación da terra.