Polas afeccións á Ribeira Sacra, Camiño de Santiago e dúas especies ameazadas

Denuncian perante a Fiscalía a autorización do parque eólico de Endesa en Paradela

Parque eólico de Paradela
Consideran que incumpre a Lei de Patrimonio de Galiza e obvia as medidas correctoras recollidas na Declaración de Impacto Ambiental.

A Asociación Profesional "Ribeira Sacra Rural", a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na comarca de Sarria, o Colectivo Ornitolóxico "Cigüeña Negra" e o Sindicato Labrego Galego piden que se abra unha investigación sobre os permisos administrativos concedidos ao proxecto do novo parque eólico de Endesa en Paradela por se son constitutivos de presuntos delitos de prevaricación por omisión, contra o patrimonio cultural e o medio ambiente.

A zona na que sae está a instalar o parque está vinculada á Ribeira Sacra e conta un Plan de Dinamización Turístico a través dun consorcio específico. Así, as denunciantes lembran que tería que efectuarse unha valoración previa do proxecto dende unha perspectiva da protección da paisaxe da comarca, máis tendo en conta, sosteñen, que opta a ser declarado Patrimonio de Humanidade pola Unesco.

Ademais, apuntan na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do parque publicada pola Xunta non se fai referencia ningunha ao Camiño de Santiago como Ben de Interese Cultural (BIC), declaración que, explican, segundo o decreto 2224/1962, lle outorga unha especial protección tanto na propia ruta como na denominada “zona de amortecimento”, contemplada no artigo 13 da Lei 5/2016, de Patrimonio Cultural de Galiza.

Sen medidas correctoras

Os colectivos denunciantes insisten en que a devandita Lei 5/2016 estabelece que as obras e actividades no ámbito delimitado dos Camiños de Santiago deben de ser compatíbeis coa conservación e protección dos valores propios e, en xeral, teñen que manter as características principais do territorio que conforman. Tampouco teñen constancia as entidades que se teñan adoptado as medidas correctoras recollidas na DIA no tocante ás medidas de protección da atmosfera e o plan de seguimento da avifauna.

En concreto, aseguran non terse realizado as comprobacións necesarias para determinar a existencia ou non de parellas reprodutoras de especies ameazadas na área de afección directa da instalación que si están presentes na contorna, tales como  a tartaraña cincenta (Circus pycargus) e a gatafornela (Circus cyaneus).