A veciñanza pide a restauración da vella mina de Touro

Antiga explotación de cobre de Touro (Imaxe: Adega)
Após dous anos e medio dunha campaña mediática, a empresa Cobres de San Rafael S.L. ve truncado o seu proxecto de reapertura da antiga mina de cobre de Touro. A presión veciñal foi chave á hora de cuestionar o relato da empresa, que acusou as súas integrantes de provocar "alarmismo". Se ben a Xunta puxo fin esta semana ás súas intencións, a empresa é beneficiaria dos dereitos mineiros até 2068. 

A través de internet, a finais do verán de 2017, Ricardo Ares tivo noticia da reapertura da antiga mina de cobre de Touro. A explotación, próxima á súa vivenda na parroquia de Arinteiro, puxera fin á súa actividade na finais dos 80. Daquela as familias da comarca tomaron as rúas como protesta. Da explotación, entre os empregos directos e os indirectos, extraíanse os salarios de numerosos fogares. Minas de Río Tinto formara a traballadores noutra mina de maior envergadura que explotaba en Huelva. Algúns deles atoparon alí unha segunda oportunidade.

Ares conta a Nós Diario por teléfono que a través dunha ligazón na noticia accedeu á publicación do Diario Oficial da Galiza onde se describía o proxecto de reapertura. Acudiu ao Concello de Touro e solicitou máis información ao alcalde, o popular Ignacio Codesido. Este mediou coa empresa promotora, Cobre de San Rafael S.L., para organizar un encontro coas veciñas de Arinteiro.

"Foi moi breve", lembra Ares, "explicáronnos moi por enriba en que consistiría a explotación". Recorda que os representantes da empresa afirmaran daquela que no verán de 2018 desexaban "comezar a operar". "Dixéronnos que as terras que ocuparía a mina eran de uso forestal e de pasto, eu puntualicei que moitas eran de uso agrícola e gandeiro, mais non responderon", precisa.

A empresa organizou máis reunións, coa presenza do alcalde de Touro e tamén o do Pino, o popular Manuel Taboada. "Nas explicacións caeron en moitas contradicións", denuncia Isabel García, veciña do Pino. Na procura de máis información a veciñanza que se opoñía ao proxecto decidiu constituír unha plataforma. 

A empresa
Parte dos terreos onde se situaba a antiga mina de Touro, moi próximos ao seu centro urbano, son hoxe un polígono industrial. Francisco Gómez, empresario local, é o seu dono, así como dalgunhas das empresas que alí operan. Unha delas, Explotacións Galegas S.L., foi multada en 2006 e 2007 pola Consellaría de Medio Ambiente tras verter residuos non autorizados nos terreos mineiros.

Nunha volta ao pasado, en 2016 constituíuse a empresa Cobres de San Rafael S.L., filial doutra das empresas de Gómez, e beneficiaria dos dereitos mineiros das cotas de Touro. O nome é un vello coñecido da veciñanza, pois corresponde o da antiga explotación. Na outra beira da Península Ibérica a xigante da minaría Atalaya Minning reactivaba Río Tinto en Huelva. Paralelamente, apoiaba a local Cobres de San Rafael S.L. no seu proxecto de reabrir a explotación de Touro.

O seu conselleiro delegado no Estado, o galego Alberto Lavandeira, incorporouse  en 2017 como accionista solidario a Cobres de San Rafael S.L. En agosto dese ano, o DOG ao que accedeu Ricardo Ares publicaba o seu proxecto de reapertura.                                                   

Primeiros meses                                                                                  
Fernando Eiras, gandeiro da parroquia do Cebreiro no municipio do Pino, explica que moitas das veciñas tiveron noticia a raíz  das xuntanzas informativas organizadas por habitantes da comarca, Adega, o Sindicato Labrego Galego ou a Fruga. "Pensaba que se trataba de volver abrir a mina vella", declara a Nós Diario, "pero despois de informarme concluín que se trataba dun despropósito".                                                                                                                                  
Ricardo Ares conta que el presentou, no Concello de Touro, a primeira alegación contra o proxecto. "Vouna enmarcar", declara. El e mais a súa filla Iria integráronse na plataforma veciñal que xurdiu a raíz das charlas. As camisetas vermellas co lema Mina Non convertéronse no seu símbolo. Con elas recolleron sinaturas na Praza de Abastos de Santiago de Compostela, nas rúas de Carril.

"Facíamos xuntanzas, escollíamos as liñas de traballo e tratabamos de acadar consensos", expón Iria Ares a Nós Diario. A empresa acusou a veciñanza de crear alarmismo coas súas mobilizacións e de difundir información falsa. 
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube