VÍDEO | Activistas péganse ao atril do Congreso para protestar contra a gandaría industrial

Activistas irromperon esta segunda feira no Congreso. (Foto: Europa Press)
'Futuro Vexetal' é a mesma organización cuxos membros realizaron pintadas no Museo do Prado de Madrid e cortaron a M-30.

Activistas da organización 'Futuro Vexetal' realizaron esta seguna feira unha acción de protesta no salón de plenos do Congreso que durou uns minutos e que difundiron desde as súas redes sociais.

Aproveitando a quenda libre de visitas ao hemiciclo, tres activistas subiron á tribuna de oradores e penduraron unha bandeira. Dúas delas pegáronse aos micrófonos, mais foron rapidamente desaloxadas polo persoal da Cámara sen que houbese danos "perceptíbeis".

Logo de tomarlles os datos persoais, as tres integrantes de 'Futuro Vexetal' foron expulsadas das instalacións parlamentarias. Tiveron tempo, porén, para que un terceiro activista captase imaxes do momento para poder difundir a súa acción nas redes sociais coa mensaxe de "Dicimos 'abonda'. Isto é unha Emerxencia Climática".

"A poboación está en perigo e os poderosos só pensan nos seus beneficios. Escalaremos en disrupción até que se deixe de subvencionar a gandaría", sosteñen desde o colectivo ambientalista.

'Futuro Vexetal' é a mesma organización cuxos membros realizaron pintadas no Museo do Prado de Madrid e, nese mesmo recinto, colaron as súas mans a un cadro de Francisco de Goya. Tamén cortaron recentemente o tráfico na M-30.