Activistas antirracistas denuncian as discriminacións por parte das institucións

A activista antirracista Aranxa Vicens nunha manifestación contra a discriminación racial. (Foto: Nós Diario)
Aranxa Vicens pon no foco os Centros de Internamento de Estranxeiros.

Na Semana da solidariedade cos pobos que loitan contra o racismo e no propio Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial, Nós Diario conversa coa activista antirracista do colectivo Resistencia En Terra Allea, Aranxa Vicens, e con Sonia Mendes, de SOS Racismo Galiza, para abordar as discriminacións que aínda hoxe continúan vixentes.

Segundo os datos do Ministerio de Interior, entre os anos 2013 e 2020 rexistráronse na Galiza máis de 400 delitos de odio, dos cales 99 tiveron por causa o racismo e a xenofobia, unha cifra que se sitúa só por detrás dos 130 ataques pola orientación sexual e a identidade de xénero. Concretamente, entre 2019 e 2020 os delitos racistas aumentaron de 9 en 2019 a 19 en 2020. “A situación non mellorou nada”, sostén Mendes. Desde as institucións “poñen unha máscara en días como hoxe pero o resto do ano non se fai nada”, engade Mendes, e fai unha enumeración dos diferentes aspectos nos que se podería traballar ao respecto. A nivel social debería haber unha “maior penalización para as persoas que cometen actos racistas e xenófobos”

Pola súa parte, Aranxa Vicens sinala que os principais problemas “veñen derivados da Lei de Estranxeiría ou dos ingresos nos Centros de internamento de estranxeiros (CIE)”, cuestións “que teñen que ver, ambas, coas leis estatais”. Recentemente “estivemos recollendo sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular  ‘Regularización xa’ e determinados sindicatos e partidos non quixeron participar”, polo que a activista cuestiona “até que punto o movemento social e político galego está comprometido cos procesos migratorios”.

O racismo institucional

Ambas concordan en que existe unha “clara discriminación racial institucional”. O racismo, din, "é [unha cuestión] estrutural que deriva do colonialismo”, sostén Vicens. “Moitas veces queremos pensar que determinados países como Galiza, Euskal Herria ou Catalunya, por ter unha loita detrás, non contan con estas problemáticas, pero iso é facernos os cegos”. Nesta liña, Vicens critica que a dificultade dos trámites burocráticos “son tamén trabas que están planificadas”. Así, exemplifica que para obter unha cita en estranxeiría “moitas veces hai que contratar un avogado, e iso é unha forma de violencia” xa que persoas migrantes “non poden acceder a un servizo público senón é cun intermediario”. Vicens conclúe que “hai diferentes tipos de violencia dependendo do grao de legalidade que se teña ante o Estado”.

Mendes incide en que nalgunhas ocasións cómpre diferenciar entre persoas racializadas e persoas migrantes pois, se ben a maioría de situacións incumben a ambos os dous grupos de poboacións, noutras é posíbel que un deles se vexa máis prexudicado. Por exemplo, “as persoas racializadas son as que máis sofren a denegación de entrada a locais de ocio”, indica Mendes. As activistas aseguran que o grupo social máis afectado pola discriminación racial a nivel xeral son as persoas que se encontran en situación irregular, “porque non teñen acceso aos mesmos servizos que as demais”. Mendes tamén lembra que “hai certos colectivos moi discriminados como a comunidade xitana, que se considera un grupo de poboación estranxeiro cando non é así”.

Comportamentos discriminatorios na Administración

A activista Aranxa Vicens asegura que moitas das violencias relacionadas coa discriminación racial están concentradas nos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIE). Estes centros foron creados para "controlar" a chegada de persoas migrantes e axilizar as deportacións. Neles intérnanse “persoas que están en situación irregular e que son máis propensas a sufrir discriminacións” para identificalas “e proceder á súa deportación”, explica; “é moi deshumanizante”. “Ao falar de racismo sempre pensamos na violencia explícita e nunca se ten en conta a institucional”, asegura.

Nesta liña, Sonia Mendes sinala que, segundo datos de SOS Racismo Galiza, “de todos os delitos recollidos, a maioría deles foron exercidos por persoal funcionario, o que demostra que desde a propia Administración se están a producir comportamentos discriminatorios".