O acoso e persecución policial dun sindicalista chega ao Parlamento galego

BNG pide abrir unha investigación a respecto do acontecido co  Renato Núñez, da executiva nacional da CIG, que foi “retido, reducido e cacheado” pola policía española baixo a escusa dunha sanción de tráfico.

A comezos de agosto o sindicato CIG denunciaba publicamente o acoso por parte de axentes da policía española a un membro da súa Executiva Confederal, Renato Núñez. Agora, o BNG vén de anunciar que leva ao parlamento de Galiza este caso, para alén de reclama abrir unha investigación sobre os feitos que cualifica de “auténtica persecución” contra o  sindicalista.

 

Os deputados Montse Prado e Luís Bará criticaron a persecución á que se ve sometido o sindicalista Renato Núñez por “defender os dereitos e liberdades civís do pobo galego”. A deputada nacionalista explicou que recentemente Núñez, “foi retido, reducido e  cacheado” pola policía baixo a escusa dunha denuncia de tráfico.  Durante esta retención, a policía fixo lectura de documentación relativa á  central sindical depositada no interior do vehículo.

 

Para a deputada, estamos perante a aplicación da Lei Mordaza a Renato Núñez e salientou  que non  é  a primeira vez que o sindicalista é acosado por axentes das Forzas e Corpos de Seguridade polo que demanda da Subdelegación do Goberno “abrir unha investigación para depurar as responsabilidades pertinentes”.

 

Luís Bará recalcou que o caso de Renato é unha pequena mostra do que está acontecendo coa “conculcación dos dereitos fundamentais” polo que  reclamou abrir unha investigación dos feitos e derrogar a Lei Mordaza.

 

Pola súa parte, Renato Núñez cualificou “fóra de lugar” a actuación da policía nacional da Comisaria de Santiago de Compostela. “Non me montes ningún numerito que te coñezo”, sinalou que lle dixo un dos axentes que o interrogou, o mesmo axente que durante a folga do metal foi interpelado polo sindicalista por impedir o paso dun piquete informativo nunha empresa do sector.

 

O sindicalista fixo un chamamento a denunciar este tipo de accións contra as  persoas que participan das reivindicacións sociais e defensa dos dereitos e liberdades para rematar con “este abuso de poder”, concluíu.