Renato Núñez

“Hai a intención de meter medo”

Renato CIG policía

CIG denunciou recentemente o acoso da Policía española a un membro da súa Executiva Confederal, Renato Núñez, no que considera que é unha “persecución” contra a súa persoa e o sindicato que representa. Falamos co sindicalista.

- CIG, sindicato de cuxa Executiva fas parte, fala de acoso policial e persecución contra ti. Todo a raíz do acontecido hai uns días cuns axentes a conta do teu vehículo parado no Hospital Clínico de Compostela. Por que se fala de de acoso e persecución e non dun simple incidente ‘de tráfico’, sen máis?

 

- No mesmo sitio onde estaba parado o meu vehículo había coches en dobre fila, estacionados en rotondas, estacionados sobre beirarrúas... mais o único polo que se interesaron os axentes da Policía Nacional foi o meu. Dous dos axentes si que me coñecen, de facer o meu traballo sindical nos piquetes, e ademais eles propios dixéronmo, “A ti te conozco”. O lugar onde foi a sanción é unha zona, no Hospital Clínico, onde é permitido facer unha parada. A propia Policía Local, na denuncia, pon que fixo esta a requerimento da Policía Nacional.

Na sanción din que é por estar estacionado de forma que creaba perigo na vía pública. Se me sancionan por iso, no apartado de Observacións tería que constar cal é ese perigo, mais non o pon. En Observacións só consta que a denuncia foi por requerimento da Policía Nacional.

 

- A Policía Nacional, pois, cursou aviso á Policía local unicamente sobre o teu vehículo nun sitio onde afirmas que había moitos coches máis na mesa situación.

- Que eu saiba, en Compostela non había constancia de que a Policía Nacional actuase, que retese alguén por un mal estacionamento. O seu proceder debería de ser  poñer o caso en coñecemento da Policía Local. No meu caso, a Policía Nacional, baixou do coche patrulla ao verme ao lado do meu coche, retívome e despois foi cando requeríu a presenza da Policía Local.

 

- Que pasou entón, cando se achegaron a ti?

 

- Pedíronme a miña identificación e eu pregunteilles o por que. Respondéronme que me ían propoñer para unha sanción de tráfico. Repliquei que aquela era unha zona de parada e eu estaba a carón do vehículo, polo que non entendía en que tipo de infracción podía estar a incorrer, ademais de que eles non tiñan competencias para iso. Entón foi cando un un axente pegou a súa cara á miña e díxome: “Renato, no me montes numeritos que te conozco”. Fun pola documentación do vehículo e cando lla entreguei díxenlle que ía gravar a conversa co móbil porque oq ue4 estaba a pasar parecíame exaxerado, un acoso. O axente díxome quenon podía gravar, que iso era ilegal, agarroume o teléfono, tiroume no chan. Golpeáronme contra o meu vehículo. Nese momento reprocheilles o que facían e insteinos a que me levasen a Comisaría para aclarar as cousas, o que me escoitaron dicir testemuñas dos feitos. Levanteime e incluso fixen ademán de ir cara o vehículo patrulla para que me levasen. Entón tiráronme contra o meu coche, zarandeáronme e ameazaron con porme os grilletes. Pedíronme que baleirara os petos e que abrira o maleteiro. Ao pouco chegou a Policía Local, á que lle expliquei que o meu vehículo non estaba estacionado senón parado, como os outros que estaban na zona. Eles dixéronme que se os requería a Policía Nacional tiñan que ir.

 

- Presentaches denuncia?

 

- Presentei, no Xulgado de garda, e esta terza feira personareime.

 

- É a primeira vez que tes incidentes deste tipo coa Policía española?

- A Policía Nacional xa me denunciou hai uns meses na Audiencia Nacional a raíz un chío no que defendía que queimar a foto de Felipe VI non é delito. Ten habido máis cousas, pero xa no marco da actividade sindical, en folgas, etc... Isto é distinto.

 

- A túa implicación en Dereitos Civís, con non poucas denuncias e queixas sobre cuestións que atinxen ás forzas de seguridade, tamén che farán coñecido entre elas, non si?

 

- Unha das cousas que pido na miña denuncia é que se aclare se algún dos policías actuantes foron afectados polas denuncias que presentei ao longo destes anos a axentes por non levar a obrigatoria identificación, por uso excesivo da forza, por non inspeccionar instalacións de videocámaras,... ou por outros motivos que temos denunciado como Dereitos Civís.

 

- Consideras que o que che acontece é un exemplo máis dos recortes en liberdades e dereitos civís?

 

- Creo que hai intención de meter medo, de crear medo naquelas persoas que teñan unha actividade que eles entenden poidan supoñer un problema para o ‘status quo’. Hai unha intención de exercer un control dos movementos sociais. Un exemplo: entre a xente que foi testemuña do que pasou comigo no Hospital... quen se vai atraver a declarar contra a policía? Viron como actuaron e poden pensar que se das o paso, podes ter problemas.