O acoso nas aulas urxe unha resposta pedagóxica: "O castigo non é educativo"

A participación activa do alumnado na vida diaria do centro educativo é un factor de protección fronte ao acoso escolar. (Foto: Nós Diario)
O ciberacoso é unha das principais formas de acoso escolar. Os casos de violencia nas aulas minguou coa pandemia, mais as cifras aumentaron nas pantallas, a través das redes sociais.

Alcumes, burlas e insultos proliferan estre a poboación moza segundo 5.123 estudantes aos que a Fundación ANAR preguntou sobre acoso psicolóxico, físico e social. As súas conclusións figuran no informe A opinión dos estudantes, que repara en condutas onde un ou máis alumnos e alumnas insultan, difaman, ameazan, chantaxean ou pegan a outros de maneira sistemática e prolongada no tempo.

Son dous dos tres indicadores necesarios para poder falar de acoso escolar ou ciberacoso. "Ten que haber intención de facer dano, teñen que ser actuacións repetitivas e tamén permanentes no tempo. Se unha crianza ten unha conduta violenta contra outra nun recreo, un día puntual, evidentemente hai que intervir pero non sería acoso", explica a Nós Diario Miguel Calvo, membro do Equipo de Orientación Específico de Pontevedra.

Os casos de acoso que chegan ao seu departamento "son moi poucos" porque os centros educativos gañaron en "sensibilidade e ferramentas" para abordalos de acordo co recollido no protocolo para a prevención, detección e intervención do acoso e do ciberacoso da Consellaría de Educación, "implantado en todas as escolas e institutos".

Traballo preventivo

Neste sentido, Calvo apunta unha intervención "reactiva". "Actuamos cando percibimos que o alumando está nunha situación vulnerábel ou é vítima dunha agresión, pero desde un punto de vista pedagóxico temos que traballar na prevención. Hai que dotar as aulas de programas de xestión emocional e respecto ás diferenzas, e tratalos de maneira transversal, de forma que todas as persoas da comunidade educativa se sintan vinculadas".

Este é un dos factores de protección máis importantes para previr o acoso: ser partícipe da vida diaria do centro de ensino, "por iso é moi importante darlle protagonismo ao alumnado a través da creación de grupos específicos de acollida, igualdade ou LGBTI onde tome as súas decisións".

1 de cada 3 adolescentes podería estar sendo vítima de acoso escolar e 2 de cada 10, vítimas de ciberacoso

Iniciativas así son parte da cultura de centro, outro factor determinante, insiste Miguel Calvo. "As palabras teñen poder. É importante que nos documentos do centro se vexa que tipo de comunidade educativa queremos ser e por iso cobran tanta importancia os equipos directivos, porque son os que teñen que liderar as decisións pedagóxicas".

En caso de acoso, a dirección é quen abre o procedemento. "Despois elíxese unha persoa do centro como instrutora, que vai ser quen investigue a situación –en tres días desde que se detecta–, co apoio da persoa orientadora, se o require, involucrada no protocolo xunto con inspección educativa".

Reparación do dano

Na Galiza, segundo o estudo Impacto da tecnoloxía na adolescencia, elaborado por Unicef e a USC (2021), 1 de cada 3 adolescentes podería estar sendo vítima de acoso escolar e 2 de cada 10, vítimas de ciberacoso. A investigación sitúa a taxa de vitimización de acoso escolar en 33,7% –vítimas puras e vítimas agresoras– e a de ciberacoso en 21,8%; neste caso cunha porcentaxe maior de vítimas agresoras (11,3%) que de vítimas puras (10,5%), o que revela que na internet o máis común é acosar e ser acosado. De feito, máis da metade de quen sofre acoso, tamén o exerce.

O aspecto físico, a diferenza, o que fai ou o que di e mesmo a broma están na orixe da maioría das agresións, revela a Fundación ANAR, lideradas en 72,6% dos casos por varias persoas.

O castigo non é educativo. É unha amoestación, pero cómpre unha resposta pedagóxica

Ante as primeiras alarmas, o protocolo pide investigar e protexer a vítima, mais tamén acompañar o alumnado agresor. "No sistema educativo galego e estatal está moi instaurado o enfoque punitivo a través do castigo ou de medidas correctoras", pero a Lei de convivencia da Galiza tamén fala de medidas educativas, advirte Calvo.

"Tras unha agresión ten que haber un seguimento educativo e de reparación do dano. O castigo non é educativo. É unha amoestación, pero cómpre unha resposta pedagóxica".

Neste sentido, apunta Calvo, cada vez máis os centros están acompañando vítima e agresor, "con programas de habilidades sociais, xestión emocional e reparación, todo isto desde o razoamento moral a través da dialéctica, en espazos de comunicación abertos tamén a persoas observadoras, porque a presión do grupo nestas idades é moi importante".

Sen preguntas culpabilizadoras

O orientador avoga por traballar o razoamento da realidade como punto de partida, sen preguntas culpabilizadoras como 'por que o fixeches?'. "No canto pódese preguntar que pasou, cal cres que foi o dano, quen foron as persoas danadas, como podemos comprometernos a repara ese dano...".

As pantallas son un elemento máis de socialización da rapazada. Formalos no seu bo uso tamén é algo fundamental para previr o abuso

Miguel Calvo propón a partir de aí un seguimento exhaustivo, "con educación emocional e respecto polas diferenzas interpersoais", para ir sumando compromisos que afasten o alumnado de todas as formas de acoso escolar.

Tamén do ciberacoso. "As pantallas son un elemento máis de socialización da rapazada. Formalos no seu bo uso tamén é algo fundamental para previr o abuso", conclúe.