Blogue | Desde A Espiñeira | Falemos de psicoloxía

O acoso escolar ten nome propio

[Mª Begona Castro]

O acoso escolar ou 'bullying' é un maltrato psicolóxico, verbal, físico e social a un alumno/a por un ou mais compañeiros/as de forma reiterada e continuada ó longo do tempo. Estamos, pois, ante unha situación de   abuso sistemático de poder.

Esta conduta pode expresarse de diferentes formas: agresión física, verbal, psicolóxica ou social. Así poden producirse situacións de humillacións, insultos, golpes, roubos, intimidación,  prohibición de xogar ou falar con outros,  exclusión social, difusión de rumores; etc. En ocasión as consecuencias van mais alá da vítima; alcanzando ao agresor e aos observadores.

Como vemos o acoso escolar é un tema complexo e delicado que constitúe un dos problemas que máis afecta ó clima de convivencia das aulas escolares e xera unha gran alarma social.

Actualmente é un tema moi investigado con numerosos traballos, que describen a súa incidencia e gravidade.

Estes estudos analizan tanto as características individuais dos suxeitos e a rede de iguais como os vínculos que se establecen entre os implicados nos episodios de maltrato e as percepcións e atribucións que deses vínculos ten o alumnado. Os resultados conclúen que tanto o ambiente como as condicións individuais son factores determinantes de risco e protección para evitar o acoso.

Os datos obtidos apoian a importancia que estes factores teñen no mantemento do esquema dominio-submisión ó que se atribúe a natureza central da dinámica do acoso.

Ante esta situación é preciso buscar solucións, pero o problema é tan perentorio e as medidas educativas tan globalizadoras, que poden converterse en pouco eficaces.

Nas últimas décadas estamos a ver un tipo de bullying ou acoso que nos preocupa especialmente, porque se estende no tempo: o Ciberbullying ou ciberacoso, emerxente das novas tecnoloxías, cun potencial de expansión preocupante e cun maior porcentaxe co acoso presencial, dadas as posibilidades multiplicadoras das redes sociais.

Por todo elo, prevención e formación deberían ir da man para poder establecer pautas eficaces de resolución de conflitos e dar ferramentas a profesorado e  alumnado, a través de Plans, Protocolos, Programas e obradoiros, recursos implementados nos centros Educativos da nosa Comunidade Autónoma tal e como regula a Consellería de Educación.

Por outra parte, hoxe en día existe unha importante visibilización do acoso escolar: Esta visibilidade e en aspectos POSITIVOS como o teléfono contra o acoso escolar 900018018 do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) ao facilitar a concienciación alumnado-familia sobre o bullying, pois cada vez hai máis denuncias, e os espectadores e o acosado enfróntanse máis aos agresores. Pero igualmente existen  aspectos NEGATIVOS ao producirse unha situación de “sensacionalismo” como consecuencia da inmediatez da difusión social do acoso.

Se temos a sospeita de que pode estar sufrindo acoso escolar, é importante que nas familias creemos un clima de confianza, e que escoitemos sen xulgar o que nos relate. Debemos prestar o noso apoio emocional e facilitarlle que exprese as súas emocións, sentimentos e inquedanzas. Tamén é bo que lle gardemos o móbil pola noite, para que teña un descanso reparador, e que prestemos especial atención ao uso que faga do ordenador e das redes sociais. Falemos cos nosos fillos/as sobre o acoso, se é espectador dalgún caso que sexa valente e rompa o silencio.

Un aspecto de especial relevancia é o de identificar as sinais de alerta que nos indican a presencia de acoso escolar. A nivel físico, pode darse perda de apetito, trastornos do sono ou outros problemas psicosomáticos, como dores de cabeza, abdominais...Tamén podemos apreciar cambios no comportamento do neno, cun alto nivel de ansiedade, tristura, irritabilidade, que chore con facilidade, que se negue a ir á clase ou que presente unha baixa autoestima. A nivel social, podemos ver que o rapaz ou rapaza cambia os seus hábitos, que baixe no seu rendemento académico ou que deixe de contarnos as cousas que lle pasan cada día. De súpeto, vemos que prefire quedar na casa ou que non quere saír só á rúa ou ao centro educativo, cando antes non era un problema. Incluso que decide cambiar a ruta para ir e vir do centro, e que se nega a participar en actividades grupais que antes eran pracenteiras, como aniversarios ou excursións.

O mais difícil para quen está sendo vítima é desbloquearse e falar, ben cun adulto, familiar, orientador ou mestre de confianza que haxa no seu centro. Pero é importante que sexan quen de contalo para poder tomar as medidas oportunas e erradicalo canto antes. Iso é o único que evitará sufrimento.

É de obrigado cumprimento que nos centros educativos, se hai indicios de acoso escolar, se aplique o protocolo establecido ao efecto, polo que é importante falar co titor/a e dende o centro deberá iniciarse a actuación ante a vítima, as persoas acosadoras, espectadoras e as súas familias; así como implementar programas preventivos ou de actuación ante os casos de acoso.

Naturalmente, os centros educativos teñen que ser espazos onde o alumnado se senta completamente seguro e aprenda non só un currículo académico senón tamén emocional. E para logralo as relacións entre os membros da comunidade educativa, dirección, departamentos, docentes, alumnado e familias deben ser de participación e colaboración mutua.

Finalmente dicir co acoso escolar transcende os muros dos centros educativos. Por iso, a Sección de Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia realizou unha guía sobre o acoso escolar, dispoñible no portal web de organismos oficiais. Porque debemos tomar conciencia da gravidade deste problema e entre toda a sociedade traballar para poñer fin o que tanto sufrimento ocasiona.

O acoso nunca se pode xustificar e sempre debe ser chamado polo seu NOME.

Mª Begoña Castro Iglesias. Psicóloga Educativa. Membro da Xunta Directiva da Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

Comentarios