"Acosa" o alcalde do Concello de Santiago os propietarios de vivendas turísticas?

Camiñantes pola zona vella de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
Segundo expoñen os propietarios, "noutros concellos de cidades galegas con gobernos socialistas e parecida oferta turística non se están dando este tipo de actuacións intimidatorias".

Propietarios de Vivendas de Uso Turístico de Santiago solicitaron unha "entrevista urxente" co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, para expór "a situación de acoso" á que, denuncian, están a ser sometidos por parte do grupo socialista do Goberno local de Santiago de Compostela, encabezado polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo.

Segundo expoñen os propietarios, "noutros concellos de cidades galegas con gobernos socialistas e parecida oferta turística non se están dando este tipo de actuacións intimidatorias", para as que se "utilizan uns servizos xurídicos que se pagan cos impostos".

Como resposta ás acusacións do consistorio compostelán, os propietarios de vivendas de uso turístico remitíronse a un documento do Ministerio de Facenda que exclúe da industria hostaleira estas vivendas.

"Os propietarios de vivendas de uso turístico non recibiron nin solicitaron compensación económica algunha polos prexuízos ocasionados pola pandemia e isto foi así porque non consideran este tipo de alugueiro como actividade económica", lembran.

Regularización da vivenda turística

A acusación dos propietarios chega despois de que o Pazo de Raxoi anunciase que iniciaría o proceso de regularización da vivenda turística na capital da Galiza.

Neste sentido, a concelleira de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago, Mercedes Rosón, insistiu no día de onte en que a intención do Concello non é prohibir este tipo de vivendas, senón que regular a situación dos domicilios de uso turístico para "acadar a mellor das convivencias".

Neste sentido, Rosón distinguiu entre a "xente que cumpre a normativa e ten a súa vivenda de uso turístico legal", e a que non o fai.

En concreto, unhas 900 vivendas dedicadas a esta actividade turística, rexistradas na Xunta, non contan co título habilitante municipal, segundo detallou a edil, polo que non poderán continuar en funcionamento.