Fiscalía e parte das encausadas pola okupación da Yago acadan un acordo para evitar penas de prisión

Imaxe exterior: TVG Imaxe interior: GZ Contrainfo

Tres das persoas acusadas non aceptaron o acordo co Ministerio Fiscal. 

A Fiscalía e parte dos doce acusados pola ocupación en outubro de 2011 da Sala Yago chegaron a un acordo de conformidade que evita a entrada en prisión  das persoas encausadas e reduce as penas que se pedían nun primeiro momento.  Enfrontábanse a un delito de usurpación de bens inmobles con violencia, polo que o Ministerio Público solicitaba un ano e medio de prisión, conmutado agora por usurpación (sen violencia), o que supón un máximo de seis meses de condena. As encausadas que aceptan o acordo de conformidade aceptan dous meses de condena. Ademais, e segundo as axencias de noticias, dúas das persoas acusadas por tenza ilícita de explosivos terían aceptado a acusación, polo que se lle reduciu a condena de tres anos a 18 meses de prisión.

Tres das encausadas non aceptaron o acordo de conformidade coa Fiscalía pois non recoñecen ter cometido os delitos dos que se lle acusan.

Por volta de oitenta persoas se concentraron a primeira hora da mañá nos Xulgados de Fontiñas, en Compostela, para amosar a súa solidariedade para cos encausados.

En outubro de 2011 un grupo de persoas entraba na Sala Yago. Foron días de actividades, de debate, de revivir dunha sala sobre a que penduraba o perigo de ser cuberta para sempre por arañeiras até que algún promotor decidise que, nese privilexiado enclave do casco vello da capital de Galiza, había bo nicho para o negocio inmobiliario. 'Okupa e resiste' poñía unha faixa despregada. E ducias de persoas adicáronse ao longo deses días a, efectivamente, ocupar, resistir, debater, rir, falar e, o máis importante, facer cousas. Deron así vida a un espazo cultural vivo e aberto entre as paredes co que era un espazo cultural fechado.

Poucos días despois, un inxente despregamento de antidisturbios procedeu ao desaloxo das persoas que estaban na Sala Yago.