''Ocupamos a Yago para facermos cultura e non imos permitir que nos traten de terroristas''

[Imaxe: LavandeiraJr]

Conectamos vía telefónica co interior do antigo cinema de Compostela para coñecer de primeira man que é o que está a acontecer alí dentro e, sobre todo, por que. 


Quen camiñe pola rúa do Vilar, na parte antiga de Compostela, terá a sensación de que está a viver un deja-vù.

O histórico edificio que noutrora albergou un cinema, a Sala Yago, voltou á vida. Igual que acontecera en novembro de 2011, da súa fachada penduran faixas que reclaman a rehabilitación deste espazo e a súa recuperación para a cidadanía. Igual que acontecera en 2011, un grupo de activistas abriuse paso entre os cascallos e pechouse dentro.

En tempo récord, argallaron a programación até o 14 de febreiro. Para as 17h da quinta feira está programada a primeira asemblea aberta. E despois... teatro, breakdance, unha timba poética, música e o prato forte: a proxección do documentario Douro, Faina Fluvial, o primeiro que dirixiu Manoel Oliveira e que amosa vida cotiá da clase obreira na marxe dereita do río ao seu paso polas cidades de Porto e Vila Nova de Gaia. 

Para as 17h da quinta feira está programada a primeira asemblea aberta. E despois... teatro, breakdance, unha timba poética, música e o primeiro documentario que dirixiu Manoel Oliveira

"Ocupamos a Sala Yago para facermos teatro, concertos, cultura... non imos permitir que se nos trate como a terroristas", contan desde o outro lado do fío telefónico. O vello edificio, que era sede dunha actividade cultural estábel, pechou as portas en 2007. Desde aquela, só tivo actividade durante cinco días: os que durou a primeira ocupación. Para quen non o lembre, @s activistas que o fixeron posíbel foron desaloxadas polos antidisturbios o 23 de novembro de 2011. Hai 11 persoas imputadas por un delito de "ocupación" e outro de "tenza e depósito de substancias inflamábeis". 

Reservado o dereito de admisión: non entrarán nen policías nen xornalistas

"Non deixamos entrar nen a policías nen a xornalistas", advirten. "Lembras o trato que se nos deu da outra vez desde o Concello?" Lembramos. Quen daquela era alcalde da cidade, Gerardo Conde Roa, ordenou o desaloxo inmediato. Comunicou a ocupación á familia propietaria do edificio e, cando tivo a orde xudicial, mandou os antidisturbios para baleirar a Sala. Dixo que a acción reivindicativa se producira "cando estaba a piques de chegar a un acordo co propietario" para dar uso ás instalacións. 

"Dixeron que a ían arranxar e que a abrirían ao público mais despois de catro anos o único que fixeron foi deixala caer. Até están tupidas as canalizacións por onde debe pasar a auga da chuvia", explican desde dentro da Yago.

O Concello de Santiago, agora gobernado por Ángel Currás, emitiu un comunicado en que lamentan que a Yago non teña a día de hoxe un uso cultural "malia os numerosos intentos infrutuosos por conseguir recuperar este espazo. Por este motivo chegouse a un acordo con NovagaliciaBanco para a cesión do edificio do Preguntoiro".

"Se nos botan de aquí estaría ben ir ocupar o Concello, gobernado por once imputados por corrupción. Para cando un comunicado do Concello sobre este punto?"

O Concello consegue un 'substituto' para a Yago e ofrece cultura ''a prezos privativos''

Porén, o acordo ao que se refere o goberno municipal foi asinado hai tres meses, segundo informou no seu momento un xornal local. Todas as actividades culturais que se programaron neste espazo foron de pago "e con prezos privativos", apuntan @s activistas. "Se nos botan de aquí estaría ben ir ocupar o Concello, gobernado por once imputados por corrupción. Para cando un comunicado do Concello sobre este punto?", ironizan. 

O que queren facer coa Sala Yago quedou claro. O que reclaman é "apoio". Piden que a cidadanía "se volque como fixo hai dous anos, que participe, que nos axude a resgatar para todos este espazo que uns poucos están a deixar morrer". 

 

PROGRAMACIÓN

Xoves 13
14:30. Xantar
17:00. Asamblea Aberta
18:30. “Mesa redonda sobre okupacion"
21:00. Proxección do filme Douro Faina Fluvial de Manoel Oliveira
A partir das 22:30. Foliada, Cabaret e Variedades

Venres 14
11:00. Obradoiro de reparación Faino ti
14:30. Xantar
17:00. Proxección da Obra de Teatro: Torturad@s
19:30. Asamblea Aberta
A partir das 22:30- Timba Poética e espectáculo de Break Dance. Concertos: Pura Mestura, Furnier.

Sábado 15
12:00. Obradoiro e Xogos para crianzas
14:30. Xantar
16:30. Dinámicas de coidados para o traballo en grupo.
18:00. Proxección documental: La Voz del Gamonal, De quien es la calle?
19:30. Asamblea
A partir das 22:30. Concertos: Folkolikos, Transxenéricas, Mars Attacks e sesión aberta