Chaplin, Marylin, Hepburn, Pippi Långstrump... pola absolución das 12 encausadas pola ocupación da Sala Yago

Antidisturbios en torno á Sala Yago momentos antes do seu desaloxo.

A segunda feira, 13 de marzo, retómase o xuízo contra 12 persoas pola ocupación do vello cinema compostelán en outubro de 2011. As penas que se lles piden abalan desde o ano e medio aos catro anos e medio de prisión. A vaga de solidariedade para coas xulgadas foise estendendo durante estas semanas.

Charles Chaplin, Marilyn Monroe, Audrey Hepburn, Agnes Varda, Orson Welles, Kubrick... Son só algúns dos nomes que piden a absolución para as 12 persoas acusadas pola ocupación da compostelá Sala Yago e que van ser xulgadas este 13 de marzo, con peticións que van desde o ano e medio a catro anos e medio de prisión. Actrices e directores que figuran en cartaces nos que se lembra que “tamén estiveron na Yago”. A Sala Yago, un histórico cinema compostelán que acolleu centos de proxeccións de películas en versión orixinal subtitulada e filmes de autor. Un cinema que, na altura dos feitos, estaban sen actividade ningunha, en situación de abandono.

En outubro de 2011 un grupo de persoas entraba na Sala Yago. Foron días de actividades, de debate, de revivir dunha sala sobre a que penduraba o perigo de ser cuberta para sempre por arañeiras até que algún promotor decidise que, nese privilexiado enclave do casco vello da capital de Galiza, había bo nicho para o negocio inmobiliario. 'Okupa e resiste' poñía unha faixa despregada. E ducias de persoas adicáronse ao longo deses días a, efectivamente, ocupar, resistir, debater, rir, falar e, o máis importante, facer cousas. Deron así vida a un espazo cultural vivo e aberto entre as paredes co que era un espazo cultural fechado.

Poucos días despois, un inxente despregamento de antidisturbios procedeu ao desaloxo das persoas que estaban na Sala Yago. Eran os tempos de Conde Roa como alcalde de Santiago de Compostela. Un rexedor autor de frases como 'Sentirán o meu alento na súa caluga” ou “Santiago nunca será o casco vello de Donosti”, bravuconadas coas que procuraba presentarse perante a veciñanza como un 'sheriff' a facer fronte aos radicais .

Solidariedade

A raíz daquilo hai 12 persoas encausadas. En outubro pasado ía decorrer o xuízo contra elas mais este aprazouse até agora. O 13 de marzo reanudarase. Para estas persoas pedíanse penas que van desde o ano e medio até os catro anos e medio de cárcere. Hai unha concentración ás 9.00 nos Xulgados de Fontiñas en solidariedade para coas persoas acusadas.

Iria e Roi, dous das persoas que participaron na "reapertura" da Sala Iago, "moi ligada á cultura alternativa" da cidade, recordaban en outubro pasado na lectura dun manifesto o contexto no que se produciu este desaloxo marcado por "desafiuzamentos, corrupción, ERE's, desemprego e o calote das preferentes". Afirman que naquel 23 de novembro de 2011, data na que axentes da Policía española irromperon cun contundente dispositivo nunha sala cuxa porta "estaba aberta", adicáronse "catro horas de rexistro desproporcionado e minucioso" após o que "levaron detidas ás once persoas que nese momento estaban dentro. (...)"

Porén, son 12 as encausadas."Pasados uns días outra persoa foi imputada tras identificar unha pegada parcial dentro da sala. Qué curioso, ¿non? ¿Por que esta pegada valía máis que as dos outros centos de persoas que pasaron por alí?. Isto é algo que aínda nos preguntamos a día de hoxe", reflexionaban naquela altura. 

O cinema foi "reaberto" en 2014 e os seus okupantes outra volta desaloxadas "sen consecuencias penais nin mediáticas".

O histórico cine e edificio en pleno corazón da zona vella de Santiago continúa, a día de hoxe, abandonado.