O acordo do Ministerio para o inicio do curso non convence o profesorado

A CIG advirte de que a Xunta quererá incumprir a distancia recomendada entre estudantes.
Con escepticismo recibiron os sindicatos o acordo do Ministerio de Educación coas comunidades autónomas para a adaptación do inicio do curso á situación sanitaria. As centrais exixen a contratación de máis profesorado así como reducir a ratio de alumnado por aula, entre outras medidas.

As medidas acordadas onte, quinta feira 27 de agosto, entre o Goberno estatal e as comunidades autónomas para o inicio de curso xerou total escepticismo nos sindicatos de profesorado, que lamentan que non se faga mención ningunha a unha hipotética redución do alumnado por aula ou a un reforzo dos cadros docentes para poder realizar desdobres necesarios para cumprir coas distancias e as directrices de seguridade fronte á Covid-19.

Suso Bermello, secretario nacional da central maioritaria do profesorado galego, a CIG-Ensino, insistiu nesa cuestión, tendo en conta que o protocolo de mínimos abordado si fai referencia a un distanciamento de metro e medio, o que "non casa de ningunha maneira" co metro entre cabezas disposto pola Consellaría de Educación, eis "o principal punto de conflito" na actualidade.

"É unha diferenza moi apreciábel", advirte, debido a que a súa aplicación implicaría de facto "cambios" na disposición de aulas e de persoal, debido a que nin as clases actuais nin as adxudicacións de destino están pensadas "co criterio do metro e medio" e, "sen dúbida, habería que incrementar profesorado".

Por estes motivos na CIG temen "un novo engano" e que esta directriz acabe ignorada "por completo" no protocolo actualizado que prepara a Xunta.

En canto ás escolas infantís, a CIG rexistrou onte de forma telemática unha denuncia ante a Inspección de Traballo para que "se garanta unha reapertura segura" destes centros na Galiza, debido a que non se realizaron avaliacións de riscos laborais en cada centro nin hai "protocolos serios" contra a Covid-19, segundo denunciou onte Zeltia Burgos en nome da central sindical nacionalista.

O sindicato ANPE ve con "desconformidade e certa decepción" a falta de medidas que consideran máis urxentes. "Nada do que importa quedou definido: aumento de profesorado, diminución de cocientes, cobertura de baixas, medidas para o persoal de risco...". Con todo, ANPE valora a existencia de indicacións "positivas" como o uso de máscara ou os grupos burbulla.

Desde UXT exixen de novo a apertura dunha mesa "urxente" de negociación entre a Xunta da Galiza e as organizacións sindicais para garantir a seguridade do inicio do curso e advirten de que "aínda non se tomaron iniciativas adecuadas en liña coas recomendacións das autoridades sanitarias".

Após coñecerse o acordo, Comisións Obreiras reclamaba a través da súa conta de Twitter unha volta ao colexio segura, cun vídeo en que a secretaria de Organización en Madrid, Paloma Vega, pedía "a urxente contratación de profesorado e a redución das ratios".

Precisamente esta cuestión é tamén a que máis preocupa ao sindicato STES. Tal e como sinalou o seu portavoz estatal, José Ramón Merino, en Italia, cun número similar de estudantado, contratáronse 150.000 novas profesoras e profesores, 100.000 de forma permanente e outros 50.000 en previsión de que se poidan necesitar ao longo do curso. "En España", apuntou Merino, "a contratación non chega a 25.000".

Os sindicatos galegos reuniranse hoxe para analizar as medidas e accións que tomarán nas próximas xornadas, entre as que non se descartan mobilizacións.

Tranquilidade no PP e preocupación no BNG

O Partido Popular considera que o acordo alcanzado onte na Conferencia Sectorial de Educación é un texto de "mínimos" e que o "máis relevante" que se puido comprobar na reunión é que "as comunidades fixeron o traballo ao Executivo".

Os populares salientaron ademais que a maioría das medidas recollidas no acordo co Ministerio son "moito menos ambiciosas e concretas" que as presentes nos protocolos que viñeron desenvolvendo as comunidades que gobernan.

Pola súa banda, a líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, plasmou onte a súa preocupación polo inicio do curso escolar e a necesidade de habilitar medidas de conciliación para as nais e pais en caso de que haxa repuntas do virus que obriguen a fechar determinadas aulas ou centros.

Caballero critica "a irresponsabilidade" da Consellaría de Eudación na volta ao curso

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu criticar onte a "irresponsabilidade" do Goberno galego, ao cal acusou de "non ter feito nada" nos últimos meses para asegurar unha volta con seguridade ás clases, e lembrou que "o seu deber" é tomar medidas "para minorar os riscos dentro e fóra das aulas".

O líder do Partido Socialista fixo estas declaracións após reunirse en Vigo coa Federación Olívica de Nais e Pais de Alumnos (Foanpas) e asegurou estar "perplexo" ao constatar que a situación da comunidade educativa "non mellorou en nada" con respecto á situación que había antes da pandemia. Caballero denunciou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "non fixo os deberes", estivo "ausente" e non se preocupou de atender as demandas dese colectivo.