O BNG de Compostela exixe apurar o bautizo da intermodal como Daniel Castelao

O voceira do grupo municipal, Goretti Sanmartín, tamén recordou que o acordo plenario para darlle nome á infraestructura recolle que haxa unha exposición permanente coa obra do autor.

Goretti Sanmartín (Foto: Nós Diario)
photo_camera A edil nacionalista Goretti Sanmartín, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

A portavoz do grupo municipal do BNG en Compostela, Goretti Sanmartín, pediulle hoxe ao alcalde da cidade, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, que axilice os tramites precisos para que a futura estación intermodal da cidade sexa bautizada co nome de Daniel Castelao, na honra do autor galego.

O acordo plenario para chamarlle así alcanzouse por unanimidade en xaneiro do ano pasado, mais aínda non se finalizaron as xestións.

Sanmartín considera que o equipo de Goberno local debe instar a Adif e á Xunta a que inclúan esta designación no proxecto da estación, que se atopa en plenas obras no entorno da actual infraestrutura ferroviaria.

A nacionalista indica que, se a burocracia avanza mentres os traballos se están a facer, se pode integrar no deseño "a súa tipografía e obra gráfica".

Ademais, o acordado no pleno do pazo de Raxoi tamén incidía na loita porque o espazo acolla unha exposición permanente para dar a coñecer a obra de Castelao a todas e todos os viaxeiros.

Para iso, a portavoz do BNG exixe que tanto o Goberno de Feixoo como o do Estado "inclúan partidas específicas para aplicar este deseño no interior e no exterior" na fase construtiva, xa bastante avanzada a simple vista.

“É unha oportunidade para divulgar a obra deste político e intelectual de referencia no noso país”, resaltou Sanmartín esta sexta feira. A concelleira tamén reclamou "que se elimine a cláusula coa condición de alcanzar 3,5 millóns de pasaxeiros para a obra da estación definitiva".

Comentarios