Acceso á vivenda: "Todas pagamos algunha vez a metade do que gañamos por un cuarto onde vivir"

As galegas destinan, de media, 30% do seu salario á vivenda (Foto: Arxina).
Na Galiza viven 253.000 persoas en pobreza severa e 700.000 en pobreza relativa. Son as principais afectadas  polas dificultades de acceso a unha vivenda digna, pero non as únicas. Traballadoras precarias mais tamén con soldos de até 1.400 euros denuncian o esforzo e as renuncias ás que fan fronte para estar ao día nos pagos.

O pasado 21 de setembro a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social lanzou a campaña "Emerxencia Vivenda". Desde entón, máis de 260 entidades sociais apoiaron a iniciativa que busca converter o acceso a unha vivenda digna e adecuada nun dos asuntos de centrais do debate político.

O acordo entre PSOE e Unidas Podemos, no marco do Goberno de coalición, para desbloquear os presupostos xerais do Estado tamén atinxiu a nova Lei de vivenda, principal estorbo durante as negociacións. A pasada terza feira os socios de Goberno adiantaron as chaves da futura norma e alentaron a discusión pública, centrada máis nas medidas consensuadas que na propia emerxencia residencial. Se ben, unhas e outra explican mellor por xunto as dificultades habitacionais que atravesan miles de persoas.

O mellor da lei, a lei

Xosé Cuns, director da Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social, celebra o acordo sobre a futura normativa. "O máis positivo desta lei é que haxa unha lei. Era un dos obxectivos da campaña: reclamar unha lei estatal, porque non había ningunha". Desde a chegada da democracia, e malia figurar como un dereito constitucional, a vivenda non gozou no Estado de ningunha norma específica que obrigase a garantir ese dereito e a facilitar política específicas, aclara.

Agora, e malia os reparos expresados polo PP de Pablo Casado, que avanzou o recurso da norma ante o Constitucional antes de coñecer os detalles e a decisión política de non aplicar a lei alí onde goberna, as organizacións do terceiro sector aplauden a iniciativa do Goberno español á espera de coñecer os detalles do Plan estatal de vivenda onde se debe concretar o orzamento. Incrementos, cantidades destinadas a cada territorio, obrigas en materia de cofinanciamento.

Neste sentido, Cuns advirte da importancia de que o Estado non repita "o erro que cometeu co Ingreso Mínimo Vital: aprobar unha normativa apenas consensuada que na práctica complica cunha burocracia inmensa as posíbeis beneficiarias".

De feito, desde a Rede Galega contra a Pobreza salientan que "tan importante como aumentar o orzamento destinado a vivenda, aquí na Galiza é facelo de forma coordinada" entre institucións públicas e entidades. "As competencias de vivenda están transferidas. A Xunta é a Administración competente. O Estado pode financiar e recoller obrigas nesta lei pero quen as ten que implantar é a Xunta". E tamén os concellos.

Neste sentido, di, xa se teñen dirixido tanto á Fegamp como ás forzas políticas da oposición. "Non chega con criticar a Xunta, tamén nos concellos onde gobernan deben atender a algo tan básico como o fracaso do censo de vivendas baleiras. É corresponsabilidade dos municipios e da Xunta avaliar a disposición de solo e de vivendas que se poden ceder ao parque de alugueiro social".

Aporofobia e vivenda

A campaña "Emerxencia Vivenda", sinala Xosé Cuns, responde a unha necesidade "que observamos e nos trasladan a diario as persoas afectadas a todas as organizacións do terceiro sector que actuamos no ámbito da vivenda". 

A pandemia actuou como detonante das dificultades de acceso a unha vivenda digna, que na práctica, están a supoñer un impedimento para calquera tipo de medida de loita contra a pobreza ou de política social.

A Covid obrigou a confinarse en infravivendas a perto de 280.000 persoas que habitan fogares con problemas de humidades e falta de ventilación na Galiza. E complicou ou suprimiu os ingresos dos que se valían moitas familias para poder pagar unha casa. 

Con todo, a raíz do problema é mais antiga e ten que ver, di Xosé Cuns, con que a política de vivenda apenas foi prioritaria, sobre todo a dirixida ás 700.000 persoas en pobreza relativa e ás 253.000 en pobreza severa que, despois de 2020, "vemos como lles afecta a niveis nunca antes vistos; de ter que escoller entre pagar o alugueiro ou diminuír a calidade da súa alimentación".

Segundo a última enquisa de condicións de vida, o número de persoas que non poden acceder a unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días aumentou na Galiza de 240.000 a 400.000. "E case 162.000 persoas máis teñen que priorizar gastos a diario", incide o director da Rede Galega contra a Pobreza, "porque a vivenda está a ser un aspirador rotundo de todo tipo de rendas" para poder afrontar outros gastos básicos e imprevistos.

En 2020, de media, as galegas destinaron 30% do seu salario á  vivenda, 40% no caso da poboación moza. O problema de acceso é máis grave para as persoas en exclusión, pero tamén afecta á clase media, "con soldos de até 1.400 euros", detalla Xosé Cuns. Ao incremento do prezo dos alugueiros, un 2% no último ano até os 7,2 metros por metro cadrado, hai que sumar as taxas de vivenda baleira, ben acondicionada ou de protección que dificultan o acceso.

Así, a campaña na que participa a Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social busca mostrar a vivenda como un dereito e dignificala, tamén a través da experiencia e das demandas de quen sofren as dificultades de acceso, como Duvraska, migrante na Coruña que denuncia prexuízos e un exceso de trámites para alugar un piso en condicións óptimas para acabar pagando a metade dun soldo precario por un cuarto, "como nos pasou a todas".

A escaseza de vivenda social, no foco

Na Galiza estímase que tres de cada dez vivendas están desocupadas, un baleiro que a nova lei de vivenda buscará combater cunha suba de até 150% do IBI destes inmóbeis. Tamén prevé actuar con límites aos prezos dos alugueiros en zonas especialmente desmandadas e cunha regulación específica para baixar, tamén o custo dos alugueiros dos propietarios que teñen dez ou máis inmóbeis".

Doutra banda, sinalan as entidades sociais, cómpre actuar no ámbito da vivenda social. Fronte á media de 3,8 inmóbeis por cada cen habitantes de Europa, o Estado garante 0,9 e a "Galiza, tres veces menos". "Apenas se investiu en vivenda social nos últimos 20 anos. En 2019 había só 3.534. Como mínimo, farían falta 7.500 máis para alcanzar a media estatal", asegura Xosé Cuns.