A Academia homenaxeou Andrés Comerma polo Día da Ciencia

Imaxe conxunta das autoridades e a familia do homenaxeado. (Foto: Nós Diario)
Os científicos Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, da Universidade de Santiago de Compostela e mais Xosé Ramón Nóvoa e Jesús Simal da Universidade de Vigo recibiron as Medallas de Investigación 2020.

Desde o comezo da pandemia a poboación virou cara ás investigadoras e aos investigadores para resolver as súas dúbidas ou coa confianza de que atopen unha vacina. As súas contribucións, moitas veces pouco visíbeis á cidadanía, foron agradecidas polo presidente da Real Academia Galega das Ciencias, Juan M. Lema, no seu discurso no acto académico polo Día da Ciencia na Galiza.

Na súa intervención, Lema agradeceu o compromiso da Xunta de promover un pacto pola ciencia na Galiza, unha iniciativa impulsada pola propia academia, e ofreceu a colaboración da institución. A maiores, amosou a súa satisfacción pola boa acollida da recomendación de fixar un programa de atracción e retención do talento investigador no país por parte dos axentes políticos e académicos. 

Introdutor da innovación

No acto homenaxeouse o enxeñeiro Andrés Comerma como científico destacado do ano. Luis Piuig, un dos seus bisnetos, resaltou na súa intervención o carácter visionario e audaz do seu bisavó. Nado en 1842 e finado en 1917, Comerma foi responsábel, entre outras obras, do deseño do dique da Campá no arsenal de Ferrol, unha das máis importantes obras de enxeñaría da cidade.

O enxeñeiro tamén proxectou a unión do continente europeo co africano a través dun túnel submarino no estreito de Xibraltar, que finalmente non se levou a cabo.

O seu descendente lembrou a paixón de Comerma pola innovación tecnolóxica, unha afección que o levou a actuar como introdutor na Galiza de numerosas invencións punteiras para a súa época, tales como a telefonía ou os raios X

Recoñecemento científico

Nesa xornada, recibiron as Medallas de Investigacións 2020 os científicos Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, da Universidade de Santiago de Compostela e mais Xosé Ramón Nóvoa e Jesús Simal da Universidade de Vigo.

Os Premios de Investigación foron concedidos aos equipos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) de Compostela, e mais ao enxeñeiro Raúl Santoveña, do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña.