Abren xuízo oral ao maquinista do Alvia accidentado en Angrois e ao ex director de Seguridade de Adif

Imaxe de arquivo do Alvia accidentado en Angrois. (Foto: Europa Press)
O Ministerio fiscal pide para cada un dos investigados unha pena de cárcere de catro anos. Aliás, solicita distintas inhabilitacións.

O maquinista do tren Alvia sinistrado en Angrois o 24 de xullo de 2013 e o que era director de Seguridade na Circulación de Adif no momento no que se puxo en funcionamento a liña serán sometidos a un xuízo oral, tal e como acordou o Xulgado de Instrución número 3 de Compostela.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) explicaron esta cuarta feira que o instrutor deu por formuladas as acusacións contra ambas persoas por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, de 145 de lesións por imprudencia grave profesional e dun delito de danos. A Fiscalía solicita para cada un deles unha pena de catro anos de prisión.

O Ministerio Fiscal tamén considera necesario que o maquinista sexa inhabilitado para a súa profesión durante o tempo da condena.

Respecto ao outro acusado para o que se abre xuízo oral, o mesmo organismo require a inhabilitación durante o mesmo período para o exercicio de calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias. Ambos serán axuizados polo Xulgado do Penal número 2 de Compostela.

O maxistrado do Xulgado de Instrución requiriu aos dous traballadores investigados e, no seu caso, ás aseguradoras -como responsables civís directas, ou ás entidades públicas Renfe Operadora e Adif, como subsidiarias- para que presten unha fianza de perto de 57,7 millóns de euros. Todo iso co obxectivo de asegurar as responsabilidades pecuniarias que se lles puidesen impor na sentenza.

Así mesmo, o instrutor apercibiulles de que, de non prestala, embargaránselles bens en cantidade suficiente para asegurar esa suma de tal forma que se poida facer fronte a un hipotético pago derivado do proceso que agora abre.

De conformidade co artigo 784.1 da Lei de Axuizamento Criminal, após a notificación do auto, realizada nesta cuarta feira, os acusados e os responsables civís teñen un prazo de tres días para comparecer na causa cun letrado e procurador ou, no seu caso, ratificar os xa designados. Contra a resolución non cabe interpor recurso, excepto no relativo á situación persoal dos acusados.

Reacción da plataforma de vítimas

A plataforma de vítimas do accidente amosou a súa satisfacción pola nova se ben considera que "unha xustiza lenta non é xustiza", pois xa chega o oitavo aniversario do sinistro no que faleceron 80 persoas.

A entidade confía en que o TSXG teña "palabra" e o proceso xudicial comece "no primeiro trimestre de 2022".