Sanidade

O Sergas declara deserto o concurso para derivar abortos á privada e agora poderá adxudicalo 'a dedo'

A privada xestiona seis de cada dez interrupcións voluntarias do embarazo. (Foto: Nós Diario)
O artigo 168 da lei de contratos do sector público de 2017 permite recorrer a un procedemento negociado sen publicidade, é dicir, que se podería pactar o contrato e o seu prezo cunha empresa privada sen facer convocatoria pública.

A finais do pasado agosto a Consellaría de Sanidade iniciaba un proceso de licitación pública para contratar, por case 1,4 millóns de euros durante tres anos —ampliábeis a cinco—, a práctica de interrupcións voluntarias de embarazos de até 14 semanas. E agora vén de declaralo deserto ao non presentarse ningunha oferta ao concurso. Así consta na plataforma de contratación pública da Xunta, cunha resolución con data do martes desta semana, 17 de outubro, dous meses despois de iniciar este proceso de licitación. O novo documento explica que unha reunión da mesa de contratación do 29 de setembro comprobou "que non había ofertas presentadas", polo que propuxo a declaración do concurso como deserto.

E que ocorre nestes casos? O artigo 168 da lei de contratos do sector público de 2017 permite recorrer a un procedemento negociado sen publicidade, é dicir, que se podería pactar o contrato e o seu prezo cunha empresa privada sen facer convocatoria pública. Tamén se podería volver sacar a licitación o servizo cambiando algunha condición para favorecer que algunha clínica se presente.

Consultada pola axencia Europa Press sobre os próximos pasos a dar, a Consellaría de Sanidade enmarca dentro do habitual a declaración dun concurso deserto e explica que a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria "está a avaliar" propostas sobre como dar continuidade ás interrupcións voluntarias do embarazo, o cal "se decidirá nun futuro". Sanidade defende o proceso de contratación de acordo coa lei do ano 2017 e insiste en que "continuará garantindo esta prestación a calquera muller" na Galiza, "cando así o necesite".

"Falta de recursos"

Segundo os pregos do contrato, a licitación xustificábase co "incremento e continuidade" da prestación asistencial e pola "falta de recursos, tanto materiais como humanos suficientes" no servizo sanitario. Tamén se aludía a que os facultativos do sistema público teñen o dereito de exercer a obxección de conciencia".

O Sergas alega que a contratación deste servizo "non responde a ningún cambio nas políticas da Xunta" sobre o que xa se facía até a data. "Calquera muller cun embarazo de menos de 14 semanas que queira interrompelo na sanidade pública pode facelo hoxe, igual que o poderá facer tras a licitación deste contrato que non cambia en nada a prestación", afirma.

A vixencia do contrato que saíu a concurso tiña unha duración inicial de tres anos por un valor estimado de 1.373.910 euros. Se a isto se lle engadesen outros 915.940 euros por eventuais prórrogas —por outros dous anos, até cinco— e posíbeis modificacións por 274.782 euros, o total ascendería a 2.564.632 euros.

Así mesmo, está repartido en dous lotes con diferenza notábel en canto ás cantidades. O primeiro cobre as áreas sanitarias da Coruña-Cee, Ferrol, Santiago-Barbanza e Lugo-A Mariña-Monforte, que en cinco anos superaría os 1,16 millóns de euros. O segundo, para as áreas de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, Vigo e Pontevedra-O Salnés, tería un valor de pouco máis de 210.000 euros.

Seis de cada dez abortos, en centros privados

Con base nas últimas cifras achegadas no Parlamento galego polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, Sergas derivou á sanidade privada entre os anos 2019 e 2022 un total de 4.108 casos de interrupción voluntaria do embarazo sobre 11.756, é dicir, o 35%. E, a maiores, outras 7.416 mulleres acudiron directamente a clínicas privadas, o que deixa a proporción final en só catro casos xestionados en hospitais públicos por seis que leva a privada.