Estas son as mentiras que circulan sobre a Lei trans

Manifestación pola defensa dos dereitos das persoas trans no Obradoiro o pasado mes de novembro. (Foto: Arxina).
O debate previo á aprobación da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGBTI impulsou unha serie de embustes sobre as pretensións e propósitos da norma que se avivou coa aprobación e a entrada en vigor do texto esta quinta feira.

"Todas estas trolas son afirmacións falsas que toman algún risco minúsculo da realidade para explotalo, levalo ao absurdo", comenta a Nós Diario o avogado especializado en dereito antidiscriminatorio Miguel Vieito.

O letrado coñece os detalles da norma e acompaña desde hai tempo colectivos e persoas LGBTI na defensa e reivindicación dos seus dereitos, tamén desmontando os argumentos de quen recorre á Lei trans para polemizar ou tirar rendemento político. Pero este nivel de crítica e de debate, di o avogado, non é proporcional nin está xustificado. "Basta con saber ler".

—Un home pode declararse muller só con ir ao Rexistro Civil e manifestar esa vontade.
"Un home cis podería facer iso? Si, pero o acceso ao cambio rexistral non é libre nin inmediato. Ten que haber unha primeira comparecencia, informar a persoa encargada do rexistro dunha serie de aspectos recollidos na norma e comparecer de novo, polo menos, de tres meses despois", rebate.

Ademais, o Dereito ten regulado desde moi antigo a figura do abuso do dereito. "Por moito que algo sexa legal, non podes utilizalo para valerte maliciosamente desa posición". Polo tanto, ilustra, a un home cis que queira cambiar o sexo rexistral "cunha finalidade espuria, que non se corresponde co exercicio da identidade de xénero, o que se lle vai dicir é que non pode, que é un abuso do dereito. Quen se propoña iso é un mal cidadán, unha persoa egoísta que fraco favor lle está a facer a un colectivo vulnerábel". 

A lei trans permite que un home que se declara muller poida sortear a lei de violencia de xénero.
"Falso. A Lei trans di a respecto que non se pode alterar a identidade para aproveitarse de situacións que se xeraron cunha identidade anterior". De terse cometido un delito cunha identidade rexistral home, apunta, "esa vai prevalecer a hora de ser xulgado, por mais que esa persoa mudase a súa identidade". E aínda que isto non figurase, di, volveriamos estar ante un abuso de dereito. "Estoume valendo dunha cláusula legal para obter un interese que non é xusto nin proporcional. E o dereito non funciona así. Hai que subestimar moito o ordenamento xurídico para pensar que estas artimañas van funcionar".

—Como van ser as mulleres trans vítimas de violencia de xénero?
"As mulleres trans son consideradas vítimas da violencia de xénero desde unha circular da Fiscalía Xeral do Estado do ano 2011. Por que vai ser en 2023 un problema que leva 12 anos sen ser un problema?", cuestiona Veito. 

—Calquera menor de idade poderá cambiar de sexo sen máis.
É mentira, seguramente das máis grosas. A Lei trans, polo que se refire ás crianzas, non avanza, retrocede. As crianzas por baixo de 12 anos só poden mudar o nome, non o sexo rexistral. Entre 12 e 14 poden mudar o sexo sempre que papá e mamá estean de acordo e indo a un xulgado. Iso é unha barreira de procedemento e de acceso. Polo tanto, unha crianza de menos de 16 anos vaino ter doado? Non, vaino ter moito máis difícil. A partir dos 16 é o único suposto no que vai haber diferenza, porque se vai permitir o cambio rexistral sen unha parte dos informes que se pedían antes.

—Abre a veda a hormonacións e operacións cirúrxicas.
As crianzas xa acceden a tratamentos hormonais. Isto está normalizado desde hai moito. Pero o acceso non é libre. Responde a un criterio médico. A Lei tras apenas afonda nos tratamentos, deriva ás comunidades a súa regulación. Non fai mención a tratamentos cirúrxicos, practicamente. Só unha que está a correr como a pólvora, que alude á modificación xenital entre 12 a 16 anos. Só con ler o artigo vese que se permite no caso de persoas intersexuais, con solicitude expresa, criterio clínico, e que a persoa menor teña capacidade para decidir. Nada cambia. A única novidade é a despatoloxización. Non se require unha diagnose de saúde mental para solicitar servizos de saúde.

—A Lei trans elimina as palabras pai e nai do Código Civil.
"É ridículo. É tan sinxelo como ler os artigos". Nas disposicións finais a Lei trans introduce algunhas modificacións noutras normas. "É aí onde suma novas categorías referidas ao Código Civil. Non elimina nin pai nin nai. Engade novos termos, de feito, menciona expresamente 'pai ou proxenitor non xestante'", co fin de incluír outro tipo de parellas non heterosexuais.

Unha oportunidade perdida para un avance revolucionario

A Lei trans, conclúe Miguel Vieito, "non é un avance revolucionario". "É a consecuencia necesaria e lóxica do que a OMS, a UE, o Consello de Europa, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e o propio Tribunal Constitucional e Supremo levan pedindo. E tiña que terse dado moito antes". Neste sentido lembra que hai territorios con leis específicas máis avanzadas. Cita o caso de Euskadi ou Andalucía, que en 2014 recoñeceu a autodeterminación de xénero. Madrid fixo o mesmo en 2016. "E entón non houbo ningunha crítica". Tampouco cando Galiza foi a primeira en aprobar unha Lei LGTBI.

Para a presidenta de Arelas, Asociación de familias de menores Trans, a norma que vén de entrar en vigor é unha oportunidade histórica perdida. Cristina Palacios bota en falta unha lei máis ambiciosa, xa que non recoñece a autodeterminación de xénero por baixo dos 16 anos. Ademais, "deixa fóra as persoas non binarias e migrantes. Moitas refuxiadas trans quedan desprotexidas, con moitas dificultades para culminar o seu proceso e condenadas a unha vida precaria ao non dispor dun documento que recolla a súa verdadeira identidade".