Fechada a instrución, a xustiza determinará se o maquinista e o exdirector de seguridade na circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, son responsábeis de 80 delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave.
Durante unha rolda de prensa anterior en Santiago respecto diso, o compromiso que trasladou Ábalos ás vítimas do sinistro ferroviario foi o de ordenar o cesamento do cargo imputado no momento no que se acadase "o momento procesual" do xuízo oral, alegou que Cortabitarte "non ten xa ningunha responsabilidade en Adif, desde logo, en materia de seguridade".
"O que non podemos tampouco é despedilo, porque é un empregado sobre o que aínda non pesa unha sentenza que lle inhabilite para o cargo de empregado público", argumentou o ministro.
Andrés Cortabitarte, ao que os maxistrados da Audiencia Provincial atribúen a falta de atención do "risco especial de descarrilamento" na curva da Grandeira, segue a día de hoxe como subdirector de Xestión Loxística e Aprovisionamentos de Adif, segundo confirmaron a axencias fontes da empresa pública.
Dimisións
Ademais, Ábalos fixo referencia a que "naquel momento tamén" pediron as vítimas o cesamento do que fose responsábel de seguridade en Renfe, Antonio Lanchares. "E fixémolo tamén", apuntou.
"Separóuselle á persoa que levaba seguridade e estivera concernida con motivo do accidente", lembrou o titular de Transportes, sen precisar que Lanchares dimitiu nun momento no que estaba próximo á súa xubilación.
Así as cousas, o ministro reivindicou facer canto se lles pediu "dentro dos límites legais". Neste sentido, indicou que tamén se dirixiu á comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) para que os seus integrantes "reabrisen a investigación
Por último, asegurou non entender "por que debe haber dúbidas" da súa intención cando dixo esta quinta feira que prioriza a sensibilidade para coas vítimas do accidente.