A Xustiza rexeita catalogar o eucalipto como invasor e relativiza os informes a favor

Plantación de eucaliptos (Arxina).
O Concello de Teo lamenta o fallo en contra do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid e critica que "os expertos científicos contratados, baseen a argumentación en criterios económicos que menosprezan o debate científico". Aseguran que explorarán outras vías para lograr esta clasificación.

"En valoración de toda a proba, a Sala non pode concluír que existe unha evidencia científica da necesidade de tal inclusión". Así fecha a porta a inclusión das distintas especies de eucalipto no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. Unha solicitude que o Concello de Teo presentou ante o Ministerio de Medio Ambiente e que tomou, en 2018, a vía dos tribunais. Con todo, agrega o Alto Tribunal, "toda cuestión é susceptíbel de evolucionar nun sentido ou outro".

O TSJM responde así a unha demanda interposta pola Administración local teense contra a decisión do Ministerio de non clasificar o eucalipto como invasor. Esta argumenta que o propio Comité Científico que asesora ao departamento estatal concluíu a favor desta catalogación, ademais, sinala defectos no procedemento.

Á parte demandada, o propio ministerio, sumáronse a Xunta da Galiza e mais as administracións asturiana, cántabra e andaluza así como a Confederación de Organizacións de Silvicultores de España. Todas achegaron informes nos que se estuda o eucalipto desde o punto de vista ambiental, se insiste na súa importancia económica en ditas comunidades ou no impacto que suporía a súa consideración como invasor e na existencia de normas reguladoras do eucalipto. 

Relevancia económica

O Alto Tribunal madrileño percorre os informes entregados por todas as partes e que serven para soster a introdución ou a exclusión do eucalipto de dito catálogo. A favor amósanse os 19 expertos e expertas do citado Comité e mais a Xunta de Extremadura, coa condición de que se poidan aproveitar as masas xa existentes desta árbore. O Goberno de Canarias acepta que se incorporen dúas especies concretas.

A maiores, o auto recolle que a ausencia de resposta das Administracións consultadas a través da Comisión Estatal para o Patrimonio  Natural será considerada desfavorábel á inclusión. Unha toma en consideración posta en dúbida polo Concello de Teo.

"De todos os informes, a conclusión que pode obterse é que non existe nos termos esixidos na norma aplicábel un consenso na comunidade científica" dita o TSJM, que se basea na documentación das partes demandadas para desmontar o ditame do Comité Científico. "Non existe unha base científica clara sobre as conclusións dos traballos que toma en consideración", apuntan.

O Concello de Teo amósase moi crítico con esta parte do auto. "Máis alá do debate científico, sempre necesario, é impresentábel que a Administración central primeiro e o tribunal despois dean o mesmo peso argumental a un órgano colexiado, o comité científico, que á opinión de expertos individuais contratados polas Administracións interesadas en facer informes de parte", di o seu alcalde, Rafa Sixto.

En conversa con este medio, o rexedor teense tamén cuestiona "que se equiparen ou minusvaloren os criterios científicos fronte aos económicos e que, mesmo os expertos científicos contratados, baseen a argumentación en criterios económicos que menosprezan o debate científico". 

Pegada do eucalipto

Unha liña semellante á argumentada polo catedrático e doutor en Bioloxía Ramón Varela Díaz. "A miña opinión coincide co informe do comité de 2017 e mais co de 2012, cando se prohibiu a plantación de eucalipto nitens na marxe da ría de Navia por consideralo de gran capacidade invasora", explica a Nós Diario.

A argumentación que desprega por teléfono é tamén similar á do Comité Científico. "A rápida velocidade de crecemento do eucalipto e a súa adaptabilidade a todo tipo de terreos fano a especie dominante sobre outras autóctonas. É pioneira nese sentido, prolifera antes, sobre todo en terreos que sofren incendios. Tras os lumes os territorios nos que agroman os eucaliptos son inmanexábeis. A maiores, os eucaliptos espállanse nas áreas lindeiras a onde hai plantacións", di Varela Díaz.

Desde o Concello de Teo aseguran que explorarán outras vías para que o eucalipto sexa declarado invasor. Ao tempo, sinalan a expansión desta especie no país. Respecto a un dos argumentos da Xunta, a existencia de plans forestais do eucalipto, conclúen lamentando que esta "avale sistematicamente o seu incumprimento".