Sandra Goded: "A do eucalipto é unha burbulla igual que foi a inmobiliaria"

Sandra Goded é bióloga e está especializada en conservación da natureza.
Nada en Madrid mais afincada na Galiza desde hai sete anos, a bióloga  especializada na conservación da fauna e da natureza Sandra Goded estudou os efectos negativos da proliferación de monocultivo de eucalipto na comarca onde reside, a da Ulloa. "Era necesario facelo", considera.

De onde xorde esta investigación?

O meu vínculo coa Galiza é grande. Levo 15 anos vindo todo o que podo e desde hai sete, vivindo na comarca da Ulloa. Cada vez que viña, vía como ía cambiando a paisaxe, cunha cada vez maior cantidade de monocultivo. Parecíme un tema demasiado importante para os poucos estudos que hai dos efectos que ten este cambio da paisaxe enorme sobre a biodiversidade.  

Como desenvolveu o traballo?

O estudo formou parte da miña tese de doutoramento e baseouse na comparativa da riqueza de especies entre bosque autóctono e monocultivos de eucalipto. Fíxeno na Ulloa por ser onde vivo e porque aquí o cambio nótase día a día. As plantacións de eucalipto chegaron máis tarde que a outras zonas da Galiza. O traballo de campo supuxo visitas a 28 pares de parches (extensións de terreos dun mínimo de 10 hectáreas), 14 de monocultivo e outros 14 de bosque autóctono próximas para comparar.

Cales foron as principais conclusións?

Que existe unha gran diferenza de biodiversidade, non só en canto a cantidade e abundancia de especies, senón tamén de diferenza de especies. As plantas e aves "forestais", que precisan o bosque, concéntranse nel, porque os eucaliptais non teñen as características axeitadas: as aves non poden aniñar, non teñen insectos... Ademais, a xestión do eucalipto, con cortas cada 10 ou 15 anos, tamén fai desaparecer a biodiversidade. 

Que consecuencias ten esa perda de biodiversidade que supón a extensión de eucaliptais?

Moitísimas. No curto prazo, sobre todo, o desprazamento das especies forestais cara aos redutos de bosque autóctono. A medio e longo prazo, ao haber menos bosque, as especies estarán en perigo ou desaparecerán. O problema é que moitas das aves das que falamos son insectívoras, grandes controladoras de moitísimas clases de insectos. Se nada os controla, a súa superpoboación pode ter consecuencias graves, sobre todo na agricultura. Este é un efecto, hai outros moitos. Existe unha afectación moi grave para a mudanza climática porque está demostrado que as plantacións de eucalipto absorben 40% menos de CO2 atmosférico que, poñamos, as carballeiras. E isto ten implicacións para todos e todas nós.

Esas implicacións, teñen relación con epidemias como a que estamos a vivir?

Ten moito que ver. Para empezar, pola sobreexplotación do medio ambiente; nesta pandemia, para consumo de especies salvaxes como é o pangolín, onde parece estar o vínculo co ser humano. O problema é o comercio e consumo masificados. Hai, ademais, causas indirectas: o acceso a un produto que vén do outro lado do planeta fai que unha enfermidade poida expandirse a esta velocidade. Noutras epidemias, como o ébola, a deforestación tivo un papel crucial, ao facer máis accesíbeis os animais salvaxes. A globalización e a forma na que explotamos a natureza métenos cada vez máis dentro e somos cada vez máis vulnerábeis, porque temos contacto directo con especies coas que non coexistiríamos. Ademais, existen moitas especies que controlan a propagación de pragas. Ao meter man aí, removemos todo e destruímos o equilibrio. E a quen afecta é a nós.  

Ten o eucalipto efectos económicos aquí na Galiza?

Hai consecuencias económicas e sociais. A rendibilidade dun eucaliptal ao propietario é moito menor do que daría unha carballeira ou un souto de castiñeiros ben xestionados. O beneficio non vai para el. Tamén está o tema estético, do cambio de paisaxe e da autoidentificación dunha cultura coa súa paisaxe. As culturas desenvólvense moi ligadas a ela e cando se perde esa cultura relacionada coa paisaxe, pérdese un pouco o sentido. 

Pódese reverter esta perda?

Aínda é posíbel, si, pero hai que empezar, desde xa, a través da educación. No económico, quero pensar que o avance do monocultivo vai reverter polo seu propio peso. A sobreprodución é tal que acabará desvalorizándose, como pasou outras veces.

Estamos diante dunha burbulla do eucalipto?

Iso é. Como a burbulla inmobiliaria. Demasiado apostar na mesma carta e con tan pouco beneficio para quen aposta, porque non é quen leva a ganancia.