Ramón Varela Díaz: "Somos a despensa barata de madeira do Estado español"

Ramón Varela Díaz presidiu Adega entre 1981 e 1996.
Ramón Varela Díaz é catedrático e doutor en Bioloxía. Da man da Fundación Galiza Sempre vén de editar 'Eucaliptos e o forestal arborado', publicación coa que a institución recupera os cadernos de análise 'Ideas Impresas'. No volume, o impulsor da primeira ILP en defensa doutro modelo forestal, analiza a xestión do monte no territorio.

Resulta imposíbel analizar a política forestal da Galiza sen atender a problemática do eucalipto. Que extensión ocupa na actualidade?
É moi difícil dar conta da área exacta que ocupa porque a información sobre a superficie forestal e o cambio que experimenta obtémola cada dez anos a través dos inventarios forestais do Estado. Os últimos datos son de hai 11 anos, á espera de que a primeiros de 2021 dean a coñecer unha nova entrega. Eu estimo que hai aproximadamente 600.000 hectáreas dedicadas ao monocultivo de eucaliptos e a plantacións mixtas nas que os eucaliptos están mesturados con outras especies, como piñeiros, carballos ou especies frondosas do país.

En que momento se acelera a extensión desta especie polo monte galego?
O cambio é notábel, sobre todo nos últimos anos, en especial, a partir da introdución do Eucalyptus nitens. Avanzou de tal forma que xa ocupa terreos de cultivo e solo propio doutras especies.

Hai aproximadamente 600.000 hectáreas dedicadas ao monocultivo de eucaliptos e a plantacións mixtas.

E como se explica esta propagación tan rápida?
A razón fundamental é que as celulosas instaladas perto de nós aproveitan o eucalipto, basicamente. Ao principio, tras a Guerra Civil, as repoboacións forestais na Galiza comezan a facerse con piñeiro, porque era o que empregaba a fábrica de Pontevedra. Mais, pouco a pouco foi virando cara o eucalipto, que empezou a substituír o piñeiro no monte. Desta forma, a fortaleza e os intereses económicos dunha grande empresa como Ence, que priman unha determinada especie, marcan a plantación e o repartimento da superficie forestal.

Son estes intereses empresariais os que determinan a política forestal máis que os intereses propios do monte?
Sen dúbida a política forestal do país está marcada polos intereses dos grupos empresariais. Nestes caso, da factoría Ence e das fábricas de taboleiros como Finsa. Se ben, debemos sumar o interese das fábricas portuguesas ligado a compra da madeira que sae da Galiza cada ano, máis de medio millón de metros cúbicos. Polo tanto hai moitos beneficios en xogo ligados á plantación de eucalipto. Sen perder de vista que durante moitos anos esta especie recibiu axudas dos Gobernos, en consonancia cunha política forestal europea que incide no abandono de terras agrícolas. Que podía ser acertada para outros países, mais non para Galiza.

Que supuxo o auxe do eucalipto para o monte galego e o territorio rural?
O avance do eucalipto limitou as capacidades da Galiza para a agricultura e para producir outras especies, de calidade, para as que tamén hai demanda. Os estudos indican que 75% do territorio é apto para algún tipo agricultura, ben para cultivos herbáceos ben para praderías. O que logrou o eucalipto foi reverter este proceso. Hoxe temos máis superficie forestal que agrícola, o que nos leva a importar millo, por exemplo, cando o poderiamos estar producindo aquí para facer os pensos que come o noso gando.

Significa que se desatendeu a estrutura agraria e gandeira?
Abandonouse case por completo para atender o forestal, un forestal de baixa calidade, por riba, porque a madeira do eucalipto  é barata e ofrece poucas posibilidades comparada con outras que se poden producir na Galiza.

O forestal produce 300 millóns de euros ao ano para uns 60.000 propietarios.

Que xestión do monte ve como alternativa ao modelo actual?
O eucalipto non vai ser a panacea que solucione o problema do campo. O forestal produce 300 millóns de euros ao ano para uns 60.000  propietarios. Pero o monte podería estar producindo máis en cabezas de gando en liberdade, en carballos e castiñeiros capaces de abastecer e de impulsar o mercado galego, agora dependente do de fóra. E faríao con maior rendibilidade, impulsando novas actividades económicas, arredor da madeira de carballo que veñen buscar cada ano á zona de Friol  os produtores de whisky escocés e tamén da castaña. 

Un modelo forestal distinto tamén requiriría un ordenamento diferente do monte?
Efectivamente non se necesitan  600.000 hectáreas de monte arborado para a produción barata de madeira. Chegaría a metade da superficie, se estivese ben ordenada para producir máis. O que hai é un caos xeral que beneficia as empresas. E nesta ecuación entran os incendios intencionados dos que tamén sacan beneficios. 

O monte acabará por ordenarse, pero será ao cabo dun proceso moi lento que implica unha perda de cartos e de tempo. O ideal sería dedicar a metade da superficie a piñeiro e eucalipto para darlle pulo a madeiras de maior calidade para as que hai mercado fóra da Galiza. Pero iso exixe planificación e unha nova política forestal. 

Galiza, despensa de madeira barata

Os grupos interesados en que o eucalipto siga medrando no monte galego exportan entre 67 e 99% da súa produción. "Aquí a celulosa non se pode tranformar. Non temos unha fábrica de papel nin de cartón. Entre 97 e 99% da celulosa que sae de Ence vai para fóra. O mesmo sucede cos taboleiros, 67%, e madeira serrada, 75%", incide Ramón Varela.

Non hai unha industria potente de segunda transformación da madeira, di, "que é a que menos contamina e a que dá o valor engadido". Segundo explica, Galiza é o primeiro produtor de madeira do Estado con case 10 millóns de metros cúbicos, "pero a industria non seguiu este ritmo de crecemento. Ao contrario, deixamos morrer localidades como A Estrada e Sarria, dedicadas antes á produción de móbeis de calidade. Somos a despensa de madeira barata do Estado. Máis da metade da que se produce en España sae da Galiza, pero aquí non se pecha ningún ciclo produtivo".