A Xustiza suspende os permisos a Greenalia para construír o parque eólico Monte Toural

Aeroxerador de Greenalia, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Greenalia)
O alto tribunal galego entende que nin a Xunta nin Greenalia acreditaron debidamente a "imperiosa necesidade" de iniciar a construción dos proxectos Campelo e Bustelo. O parque Monte Toural, que fai parte do mesmo 'macrocomplexo', supón a terceira e última paralización cautelar a Greenalia.

Novo golpe xudicial á política eólica da Xunta. A O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acolleu esta cuarta feira a suspensión da desestimación do recurso contra a resolución da dirección xeral de Planificación Enerxética da Xunta pola que se outorgaban as autorizacións administrativas previas e de construción ao parque eólico Monte Toural, de Greenalia. A sala asegura que "concorren as circunstancias que xustifican a adopción da medida precautoria solicitada" porque é "clara" a existencia dun hábitat ecolóxico que "con certeza" se vai ver afectado polas obras.

Ademais, subliña que ese hábitat está recoñecido no Inventario de Humidais da Galiza e no Catálogo de Paisaxes, na área de especial protección paisaxística, así como que as especies ameazadas ou en perigo de extinción aparecen catalogadas.

"Ningún destes extremos relativos á singularidade e catalogación de espazos e especies foi discutido", indican os maxistrados, quen recalca que se acreditou "un risco de dano irreparábel derivado da execución das obras que permite a autorización". A sala entende que, na ponderación de intereses en conflito, a protección do medio ambiente debe prevalecer.

No que atinxe á alegación de Greenalia respecto a que a medida lle produciría efectos prexudiciais, pois prevía un investimento de máis de 12 millóns de euros, o TSXG destaca que no caso de que a autorización recorrida resulte conforme a dereito "non se van perder".

"E desde logo a interesada ningunha alegación fai nese sentido, nin de perda de oportunidade pola suspensión cautelar, porque o único que lle deparará como perda, como máximo, será un comezo retardado das obras", argumenta o TSXG. O tribunal acordou a suspensión do acto sen necesidade de prestación de caución e contra esta resolución cabe interpor recurso.

Terceiro parque censurado

Hai un mes, o TSXG rexeitou dous recursos interpostos pola Xunta e Greenalia contra as decisións ditadas en setembro e outubro para paralizar preventivamente os proxectos de Campelo, tamén entre Coristanco e Santa Comba, e Bustelo (Coristanco e Carballo). Os tres proxectos foron declarados "de interese especial" polo Consello da Xunta en 2018, cando era conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, actualmente conselleira de Greenalia, cuestión da que xa informara este xornal en 2021.

"Estes tres parques seguen a estratexia de fragmentar un mesmo proxecto eólico para facilitar a súa autorización, o cal incumpre a lei", sinala a Nós Diario o presidente de Adega, Roi Cuba. A entidade ecoloxista denunciou isto perante a Xustiza, que agora confirma a paralización do último parque pendente de resolver.