A xustiza paraliza cautelarmente a explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo

Vista da Mina de Penouta (Foto: Strategic Minerals).
Para Ecoloxistas en Acción este é un primeiro paso cara a anulación da autorización da mina de estaño e tantalio da Penouta, propiedade da canadense Strategic Minerals.

A sala do contencioso do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén suspender cautelarmente a resolución da Xunta que hai un ano autorizou o proxecto de explotación da mina da Penouta. A organización ambientalista Ecoloxistas en Acción vén denunciando “desde hai anos os impactos da explotación mineira da Penouta, en Viana do Bolo, incluíndo os vertidos de residuos nos regos da zona e que afectan espazos da Rede Natura 2000”.

Para Ecoloxistas en Acción este é un primeiro paso cara a anulación da autorización da mina de estaño e tantalio da Penouta, propiedade da canadense Strategic Minerals.

"A pesar das advertencias e alegacións de da organización ecoloxistas, a Xunta da Galiza ditou en marzo de 2022 unha Declaración de Impacto Ambiental favorábel que permitiu á empresa iniciar a explotación a ceo aberto, incrementando os impactos ambientais sen que se avaliaran adecuadamente a afección á Rede Natura 2000, hidroloxía e vivendas próximas na aldea da Penouta", indican.

Agora reclaman á Xunta que “respecte a decisión xudicial e ordene a paralización inmediata da actividade mineira en cumprimento do auto”.

“Agardamos que o Goberno galego cumpra axiña co ditame do auto xudicial. De non o faceren, iniciaremos accións executorias e reclamaremos a responsabilidade persoal dos funcionarios e altos cargos polos impactos xerados”, recalca Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

A organización ecoloxista está “satisfeita” coa decisión xudicial e lembra que desde 2018 a Confederación Hidrográfica Miño-Sil iniciou varios expedientes sancionadores contra a mina por denuncias do servizo municipal de augas, da poboación afectada e tamén dos ecoloxistas.

Expedientes sancionadores que foron apreciados polo Tribunal á hora de ditar o auto de medidas cautelares, xa que este longo historial de sancións por vertidos demostra o modo de operar da minaría.

Así, en 2018 a empresa foi sancionada por vertedura directa, sen autorización administrativa, de augas de escorremento procedentes da explotación mineira ao leito do rego da Treita de Cortiñas. “Meses despois, o mesmo organismo hidráulico volvía sancionar á empresa polas verteduras derivadas da falla crítica dunha das balsas da explotación, unha vez máis causando danos ao dominio público hidráulico. Despois, en 2021, mentres se realizaba a avaliación de impacto ambiental do novo proxecto, foi imposta unha sanción máis polo derrame de lodos afectando ao rego da Treita de Cortiñas e ao río do Rosario”, explican desde Ecoloxitas en Acción.

Demandan "acción"

Ecoloxistas en Acción ten denunciado que, segundo informes que posúe a administración galega, as masas de auga  de Treita de Cortiñas, Rego de Valdafranca e Rego dos Corvos “superan en varias ordes de magnitude os valores máximos permitidos para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, todas elas substancias perigosas prioritarias, altamente tóxicas e no caso dalgunhas delas canceríxenas”.

A contaminación ten afectado as propias captacións de auga da vila de Viana do Bolo, onde xa se tivo que interromper o subministro. Situación pola cal, a organización ecoloxista mesmo lle fixo chegar ao Concello de Viana un informe sobre os impactos na saúde que pode provocar a exposición prolongada a estas substancias tóxicas.

Non obstante, para a organización ecoloxista é sorprendente que todas as analíticas realizadas pola Confederación Hidrográfica “omitisen precisamente os parámetros arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, permitindo que a empresa conseguise evitar sancións moito máis altas polo incumprimento das Normas de Calidade Ambiental e que mesmo se arquivasen algúns procedementos”.

Ecoloxistas en Acción advirte que a mineira está “tentando facer pasar a contaminación existente por algo natural, como xa tentaran, sen éxito, as minas de Touro e San Finx e así evitar responsabilidades”.