A Xunta rexeita reemprazar a vacante de xinecoloxía no COF do Ventorrillo

Así llo fixo saber o executivo galego ao BNG en resposta á pregunta presentada pol@s nacionalistas no Parlamento.

 

Segundo a Xunta de Galiza a amortización débese "a axustes organizativos que puideran ser necesarios" e desbota comprometerse a garantir a continuidade do centro tal e como lle demandaron centos de persoas a pasada sexta feira ás portas do Centro de Orientación Familiar (COF) situado no barrio do Ventorrillo (A Coruña).

A praza de xinecoloxía --a única nese centro-- ficou baleira após a xubilación do médico que a ocupaba. Logo da súa saída, o SERGAS non quixo re-emprazalo sendo derivadas as utentes ao centro de Orillamar no que actualmente se vive unha situación de "auténtico colapso" --aseguran @s nacionalistas-- por atenderen a máis de 100.000 persoas. No entanto, o SERGAS asegura na carta enviada ao BNG que a "atención ás mulleres, en canto á súa planificación familiar, está garantida". Aliás, acrecentan que "un grupo de traballo" está a deseñar un plan "de reorganización asistencial dos COF", descartando desta maneira que se vaia cubrir a vacante do Ventorrillo.

Os deputados nacionalistas que presentaran a pregunta perante a Cámara galega lamentaron que "mentres se financian entidades integristas que lle negan ás mulleres o pleno desfrute dos seus dereitos sexuais e reprodutivos, a Xunta está disposta a fechar un COF" que prestaba asistencia en materia de xinecoloxía, prevención do cancro de mama ou interrupción voluntaria do embarazo a "mulleres de 32 concellos".