O Sergas pretende que só dúas xinecólog@s atendan 152 mil mulleres nos centros de orientación familiar da Coruña

A xubilación do único xinecólogo do COF do Ventorrillo sementou entre o cadro de persoal a dúbida sobre a súa continuidade. A consellaría de Sanidade di que cómpre librar as dependencias en que agora se asenta, a dirección médica aínda non foi nomeada e as axendas están pechadas. O desmantelamento suporía que o outro centro, o de Orillamar, asumiría a demanda de toda a comarca sanitaria, pola volta de 40 concellos


A xubilación do único xinecólogo que presta atención no Centro de orientación familiar (COF) do Ventorrillo, na Coruña, deixa este servizo sen atención xinecolóxica e coloca riba da mesa a dúbida sobre se seguirá funcionando. De momento, o Sergas, dependente da consellaría de Sanidade, anunciou xa que a praza deste profesional será amortizada. "Tememos que aproveitando a xubilación queiran prescindir do centro", apunta integrantes do cadro de persoal, pois desde a Xunta comunicáronlles tamén que as instalacións en que hoxe se ubica deberán ficar baleiras "e que non teñen outras". A dirección médica non foi nomeada aínda, e as axendas están fechadas.

Atender as necesidades de 152 mil mulleres 

Este COF, creado a raíz dun plan ministerial de Centros de orientación familiar executado en 1983, foi o primeiro en funcionar na provincia da Coruña e brinda atención a 61.674 mulleres dun total de 37 concellos da contorna. De botar o feche, toda a comarca sanitaria coruñesa tería que procurar consulta no outro COF da Coruña, o de Orillamar, cun cadro de persoal mixto dependente do Sergas e do Goberno municipal --en virtude dun convenio coa Xunta-- e onde o e a xinecólog@s atenden xa unha poboación de 90.800 mulleres, segundo datos de 2011 tirados do Instituto estatal de estatística (INE).

Sumados os censos de ambos COF, es@s dúas xinecólog@s terían que atender pola volta de 152 mil mulleres. A equipa de Orillamar consultaría tamén os homes de entre 15 e 70 anos que así o requiran. A cifra do INE fai referencia a mulleres en idade fértil, de entre 15 e 54 anos, se ben @s traballador@s aseguran que até as instalacións de ambos COF tamén se achegan mulleres de menor idade na procura de información relacionada sobre todo coa interrupción voluntaria do embarazo. Do posíbel desmantelamento xorde unha pregunta que a equipa médica translada á Xunta: "que pasa cos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres?", pois remarcan que esta medida suporía máis unha agresión a estes dereitos.

A OMS recomenda tres centros e podería quedar un só

Após transladar o COF de local en varias ocasións, coa conseguinte "desorientación" que o cambio de ubicación provocaba nas usuarias, o cadro de persoal ten agora dúbidas sobre se este espazo manterá abertas as súas portas, ao non contar xa cunha das patas da equipa multidisciplinar que o integraba: unha enfermeira, unha psicóloga, unha traballadora social especialista en planificación familiar, unha auxiliar de clínica e un xinecólogo.

Segundo as recomendacións da Organización mundial da saúde, tomando en conta a poboación e que nestes centros se derivan mulleres de concellos fincados no rural e na contorna da Coruña, a cidade debera contar con polo menos tres COF. Ten dous, e o cadro de persoal de ambos dubida da continuidade do de Ventorrillo. Ambos centros son os puntos de referencia en materia de anticonceptivos, problemática afectivo-sexual, conflitos de parella, a IVE e incluso á hora de procurar axuda perante unha situación de violencia machista.

Información para abortar e revisión de métodos anticonceptivos

Así as cousas, aquelas mulleres grávidas que non queren ser nais son derivadas en primeira instancia até estes COF para que lles faciliten a información que contempla a LO 2/2010 e a onde teñen que voltar aos tres días, periodo 'de reflexión' obrigatoria que contempla a normativa vixente; son est@s profesionais as que redactan o informe que chegará ao Sergas para que á embarazada se lle practique o aborto solicitado.

No COF do Ventorrillo fanse tamén citoloxías --evitando que problemáticas puntuais deriven en patoloxías maiores e requiran de atención primaria-- e colócanse métodos anticonceptivos, practicando as correspondentes revisións ao redor de efectos secundarios ou complicacións que poidan xurdir após a súa colocación. Esta atención "garante que as mulleres poidan escoller por si propias manexando toda a información, e non que escolla por elas un médico de cabeceira", apuntan traballador@s do centro, subliñando que o que está en xogo non son nin unhas instalacións dun COF nin os despedimentos do cadro de persoal, senón "a autonomía de todas esas mulleres".

Coa situación actual había xa unha lista de agarda de entre tres meses e un ano, agás na primeira consulta --informativa-- ou perante a recomendación dun anticonceptivo cuxo uso non require revisión xinecolóxica. "Se se absorve o COF e non dispoñen do cadro de persoal de Ventorrillo aumentará a lista de agarda porque é imposíbel atender tanta demanda, e a consecuencia segura é que aumentarán os embarazos non desexados", remarcan. Teñen claro que este centro, sen o xinecólogo, de non fechar ficaría relegado a "un dispensario" de anticonceptivos.