Exíxenlle ao Sergas que non destrúa a única praza de xinecólog@ nun centro de orientación da Coruña

[Imaxe tirada do facebook de H.T.]
Centos de persoas protestaron diante do COF do Ventorrillo contra a decisión da Xunta de amortizar a praza de xinecoloxía após a xubilación do profesional que prestaba este servizo. Ven na medida máis un ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres


Por volta dun cento de persoas manifestáronse esta sexta feira pola mañá diante do centro de orientación familiar (de aquí en diante COF) do Ventorillo, un dos dous que funcionan na cidade da Coruña e que vén de quedar sen servizo de xinecoloxía ao dar o Sergas por amortizada a única praza existente, após a xubilación do xinecólogo.

A consellaría de Sanidade di que cómpre librar as dependencias en que agora se asenta, a dirección médica aínda non foi nomeada e as axendas están pechadas. O desmantelamento suporía que o outro centro, o de Orillamar, asumiría a demanda de toda a comarca sanitaria, pola volta de 40 concellos. En total e tal e como informou este xornal xa en decembro, quedarían dúas prazas para atencer máis de 152 mil mulleres.

Con cartaces en contra desta nova agresión aos dereitos sexuais e reprodutivos delas, fixéronlle saber ao Sergas que 'As mulleres non aguantamos máis recortes' e reclamaron 'Menos rosarios e máis sanitarios'. Tamén hai aberta unha petición no portal change.org na procura de sinaturas. A protesta ficou apoiada, para alén de organizacións vinculadas ao activismo xuvenil e social, por todas as forzas políticas con representación parlamentar agás o PP.