A Xunta intervén a residencia privada Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras

Ildefonso de la Campa, director  xeral de  Maiores e  Persoas con  Discapacidade (Foto: Xunta).

Tras os centros  DomusVi de Aldán, en Cangas, e de Barreiros, en Vigo, é o terceiro de carácter privado que a Consellería de Política Social intervén, aínda que "é posíbel" que sexan máis, admite o director xeral Ildefonso de la Campa.

O director  xeral de  Maiores e  Persoas con  Discapacidade,  Ildefonso de la Campa, confirmou este domingo a intervención por parte da Xunta da Galiza da residencia privada Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, ante o elevado número de  contaxios por coronavirus rexistrado.

Este centro, segundo o último balance de datos da Consellería de Política Social con cifras de última hora de antonte, eran 60 as persoas usuarias e 18 as traballadoras que contraeran a  COVID-19.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o director  xeral de  Maiores explicou que a intervención deste centro privado, a terceira realizada pola Xunta desde o inicio da pandemia, segue os criterios "que sinalan as autoridades sanitarias".

Que a Xunta interveña  este centro significa que "pasa a ter carácter sanitario", explicou, xa que o  Servizo  Galego de  Saúde (Sergas) "desprega o persoal necesario para unha atención completa e medicalizada" ás residentes, e a Consellería de Política Social "reforza tamén con persoal contratado" ás traballadoras do propio centro.

Mentres as residentes cun test de coronavirus positivo "concéntranse" neste edificio "preparado para atender a evolución da enfermidade", ás que deron negativo "búscaselles outras residencias para pasar o seu período de corentena". "E, se é preciso, faise traslado hospitalario", apostilou o director  xeral.

 

“Posíbel” que haxa máis intervencións

Tras os centros  DomusVi de Aldán, en Cangas, e o de Barreiros, en Vigo, o da nosa Señora de Fátima é o terceiro de carácter privado que a Consellería de Política Social intervén, aínda que "é posíbel" que sexan máis, admite  Ildefonso de la Campa.

E é que os test que se realizan nos xeriátricos constatan que mentres "a curva xeral de  infectabilidade da poboación xeral da Galiza está a diminuír", en residencias mostra "incrementos". "E onde sexa  preciso intervir para garantir a saúde e o benestar dos residentes, así o faremos", asentou.