O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, confirmou este domingo a intervención por parte da Xunta da Galiza da residencia privada Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, ante o elevado número de contaxios por coronavirus rexistrado.
Este centro, segundo o último balance de datos da Consellería de Política Social con cifras de última hora de antonte, eran 60 as persoas usuarias e 18 as traballadoras que contraeran a COVID-19.
Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o director xeral de Maiores explicou que a intervención deste centro privado, a terceira realizada pola Xunta desde o inicio da pandemia, segue os criterios "que sinalan as autoridades sanitarias".
Que a Xunta interveña este centro significa que "pasa a ter carácter sanitario", explicou, xa que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) "desprega o persoal necesario para unha atención completa e medicalizada" ás residentes, e a Consellería de Política Social "reforza tamén con persoal contratado" ás traballadoras do propio centro.
Mentres as residentes cun test de coronavirus positivo "concéntranse" neste edificio "preparado para atender a evolución da enfermidade", ás que deron negativo "búscaselles outras residencias para pasar o seu período de corentena". "E, se é preciso, faise traslado hospitalario", apostilou o director xeral.
“Posíbel” que haxa máis intervencións
Tras os centros DomusVi de Aldán, en Cangas, e o de Barreiros, en Vigo, o da nosa Señora de Fátima é o terceiro de carácter privado que a Consellería de Política Social intervén, aínda que "é posíbel" que sexan máis, admite Ildefonso de la Campa.
E é que os test que se realizan nos xeriátricos constatan que mentres "a curva xeral de infectabilidade da poboación xeral da Galiza está a diminuír", en residencias mostra "incrementos". "E onde sexa preciso intervir para garantir a saúde e o benestar dos residentes, así o faremos", asentou.