A Xunta incoará a declaración BIC da Casa Cornide da Coruña

Concentración en defensa da devolución da Casa Cornide á titularidade pública o pasado mes de decembro. (Foto: M. Dylan / Europa Press )
Este é o primeiro paso para poder protexer o inmóbel que actualmente é propiedade da familia Franco. 

Após as múltiples protestas de colectivos e a solicitude no ano pasado polo Concello da Coruña, a Xunta incoará esta segunda feira o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide da Coruña, propiedade da familia Franco, o que permitirá a súa protección inmediata e integral.

Esta actuación conta cos informes favorábeis de tres institucións consultadas na tramitación, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega (RAG) e a Universidade da Coruña (UDC).

A incoación do expediente permitirá aplicar de forma inmediata e provisional, até a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos, a protección integral do edificio e facela extensiva de forma cautelar ás partes integrantes e pertenzas até que se poida acceder ao interior e completarse a súa valoración.

A documentación elaborada para o estudo do valor cultural non se puido completar con información recente, pero realizouse con documentación analizada no estudo promovido polo Concello da Coruña. De acordo coa Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, o expediente especifica que todos os elementos serán protexidos de modo provisional.

Para completar e precisar o alcance da protección, persoal técnico designado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural deberá acceder ao interior para a completa documentación dos bens existentes e a determinación da súa relación co monumento e os seus valores culturais.

A Casa Cornide representa un edificio nobre de estilo tardobarroco, cosmopolita e francés, case sen precedentes no país, no que viviu José Cornide en varios períodos como herdeiro da propiedade até a súa marcha a Madrid en 1789 para dedicarse de pleno á Real Academia da Historia. Nese inmoble acumulou gran parte da súa biblioteca e desenvolveu parte das súas investigacións. Posteriormente, a Casa Cornide pasou por distintos posuidores desde Pedro Barrié de la Maza até a Familia Franco, quen mantén actualmente titularidade do edificio.

Retirada de móbeis

Ao longo deste tempo, numerosos colectivos protestaron a favor da devolución do inmóbel coruñés á titularidade pública. O colectivo Defensa do Común denunciaba o pasado decembro que a familia Franco continuaba a retirar bens da Casa Cornide. A través dun escrito á Subdelegación do Goberno, este colectivo sinalaba que o día “ 30 de decembro, con nocturnidade, apareceu na Casa Cornide unha nova furgoneta de aluguer con dous operarios”, unha práctica que para a organización é indicativo de que se están a retuirar bens deste inmóbel.