A solidariedade vai alén de Ucraína

Entrega de axuda humanitaria galega a mulleres do centro Mamá Tingó, na República Dominicana (Foto: DDM / Entreculturas).
A Coordinadora Galega de ONGD chama a atención sobre outros países

Son moitos os motivos causantes das múltiples crises humanitarias que se viven actualmente no mundo. A guerra en Ucraína ten producido moita desgraza, tensións xeopolíticas e unha crise económica moi importante.

Esta situación merece atención mais a Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD) chama a atención sobre os outros 32 conflitos bélicos que tamén requiren axuda, ao igual que aqueles países que máis sofren as graves consecuencias socioeconómicas da pandemia e dos desastres naturais que se veñen dando nos últimos tempos.

Este momento de crise global, alertan desde a Coordinadora galega nun comunicado de prensa, "pon de manifesto que son susceptíbeis de axuda humanitaria non só aquelas situacións de conflitos bélicos, catástrofes naturais ou pobreza extrema, senón todas aquelas que atenten contra a dignidade das persoas".

Esta atención debe dirixirse, por tanto, a abordar as causas sistémicas das violacións de dereitos humanos desde a prevención, a atención á situación concreta de emerxencia e a recuperación posterior. "A axuda humanitaria debe ir máis alá da resposta inmediata e posterior a unha crise; debe traballar para aumentar a preparación e reducir vulnerabilidades", apunta Raquel López, técnica de proxectos da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP).

Desde a Coordinadora manifestan que ante estes contextos de crises é fundamental "recoñecer como esencial" o traballo das organizacións humanitarias. Nos últimos anos, o número de ataques a persoal e centros de atención humanitaria, hospitais e refuxios "foi aumentando de modo progresivo".

"É un deber dos Estados garantir a protección do persoal que traballa ofrecendo axuda humanitaria e o seu adecuado acceso aos lugares necesarios". Así o expón Felipe Noya, voluntario de acción humanitaria e vogal da Coordinadora de ONGD.

Axuda galega nas 'crises esquecidas'

A axuda humanitaria galega chega a moitos países, entre eles, ao Sahara Occidental e a Alxeria, concretamente aos campamentos de persoas refuxiadas saharauís (CRS). Alí, médicas e médicos galegos, a través da ONGD Médicos no Mundo, achegan a súa colaboración a aproximadamente 178.000 persoas que levan décadas en situación de exilio e illamento forzado na hamada alxerina e que non poden voltar ao seu país de orixe, o Sahara Occidental.

Tamén no Salvador, galegas e galegos da ACPP están a achegar a súa axuda para a atención e protección integral a persoas LGBTI en situación de vulnerabilidade por violencia.

No Iemen, a ONGD Farmamundi realiza intervencións de emerxencia para garantir o exercicio do dereito á saúde e fortalecer o sistema sanitario no país. No norte de Marrocos, a ONGD Entreculturas traballa a prol da denominada educación en emerxencia como sector prioritario na acción humanitaria por considerala chave para a xeración dunha cultura de paz.

Entreculturas está tamén presente no Líbano, país que atravesa a peor crise económica e política da súa historia recente, o que agrava notabelmente as condicións das persoas refuxiadas que se encontran en situación de vulnerabilidade. Na Fraxa de Gaza, o Movemento pola Paz traballa co obxectivo de mellorar as condicións de vida e a promoción do acceso a dereitos da poboación.

"A paz é moito máis que a ausencia de guerra"

"Non cesamos de repetir que a paz é moito máis que a ausencia de guerra, porque as desigualdades e inxustizas estruturais, os discursos de odio e a destrución do medio ambiente son violencia", comenta Susana Fernández, responsábel da Delegación de Movemento pola Paz na Galiza.

É por iso que moitas ONGD, entre elas moitas galegas, traballan para mellorar as condicións de vida de millóns de persoas afectadas en moitos conflitos, sen importar a cobertura mediática que reciban.