A poboación galega volveu respirar aire insalubre en 2021, a pesar da mellora na calidade do aire

A contaminación do ar, un problema en aumento (Foto: Europa Press)
As medidas de restrición para combater a Covid e o peche de varias centrais térmicas nos últimos dous anos, entre os motivos da mellora da calidade do aire.

Un informe elaborado pola asociación Ecoloxistas en Acción mostra que durante 2021 a calidade do aire na Galiza mantivo a "mellora substancial xa observada durante 2020", en relación ao período 2012-2019. 

Segundo os ecoloxistas, rexistrouse unha "notábel redución" das concentracións no aire de dióxido de nitróxeno (NO2), dióxido de xofre (SO2), partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras (PM2,5) e ozono troposférico. Tamén diminuíu a concentración de partículas inferiores a 10 micras (PM10), aínda que en moita menor medida.

O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea.

Segundo eses niveis, e a pesar da mellora observada, o aire contaminado afectou en 2021 a toda a poboación galega. En cambio, pola permanencia do ozono, o territorio galego non sufriu contaminación que danase a vexetación.

Se se toman os estándares da normativa europea, "se ben máis laxos que as recomendacións da OMS", non houbo poboación na Galiza que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación prexudiciais para a vexetación, por enriba dos límites legais.

Factores que explican a mellora do aire

Segundo Ecoloxistas en Acción, un dos factores esenciais para explicar a mellora da calidade do aire durante 2021 é a restrición xeral da mobilidade motorizada e a contracción económica derivadas das medidas adoptadas para combater a COVID-19.

Outro dos factores sinalados é o peche parcial da central térmica de carbón das Pontes e o peche en 2020 de central de Meirama, "as máis contaminantes", e que tamén contribuíu á diminución da polución do aire.

Conclusións do informe

Entre as conclusións do informe elaborado por Ecoloxistas en Acción cos datos compilados nas 57 estacións oficiais de medición da calidade do aire instaladas na Galiza, destaca que as partículas (PM10 e PM2,5) afectaron a totalidade da poboación galega, sobre todo a urbana. En todas as cidades do país superáronse os valores medios diarios e anuais recomendados pola OMS para estes contaminantes, nomeadamente en Vigo e área metropolitana. Na Galicia rural superáronse os valores medios diarios e anuais para PM2,5.

En todas as cidades superáronse os valores medios diarios recomendados pola OMS para o dióxido de nitróxeno (NO2), así como tamén os anuais (neste caso, coas excepcións de Lugo e Ferrol). Os niveis máis altos deste contaminante rexistráronse novamente nas aglomeracións da Coruña e Vigo, como consecuencia do intenso tráfico rodado que soportan.

As concentracións de ozono troposférico diminuíron notoriamente, como resultado da forte caída das emisións dos seus principais precursores, os óxidos de nitróxeno (NOx). Mesmo así, superouse o estándar recomendado pola OMS en relación ao valor octohorario en todo o país, agás nas cidades de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Nas estacións de medición da calidade do aire de Coia (Vigo) e, sobre todo, nas da Grela (A Coruña), Leste (Sarria, Lugo) e Teixeiro (Curtis, A Coruña), as tres últimas na contorna da zona industrial da Coruña-Arteixo, da fábrica de Cementos Oural e da central de biomasa de Greenalia, respectivamente, superouse a recomendación da OMS para o canceríxeno benzo(a)pireno (BaP)

No tocante ao dióxido de xofre (SO2), volvéronse detectar superacións da concentración media diaria recomendada pola OMS nas estacións industriais Pastoriza (Arteixo, A Coruña), Oural Sur (Sarria, Lugo) e Xove (Lugo), baixo a influencia das emisións da refinaría de petróleo de Repsol, de Cementos Oural e de Alcoa San Cibrao, respectivamente.