A Galiza, á cola do Estado en reciclaxe

Planta de reciclaxe de Sogama. (Foto: Sogama).
Desde Adega apuntan a que, sendo Sogama e a Xunta da Galiza as encargadas pola xestión de residuos no país, son estas as responsábeis da mala situación.

A Galiza encóntrase á cola en recollida separada e reciclaxe no Estado, incumprindo actualmente os obxectivos da lexislación para 2020, segundo os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), e "sen perspectivas de mellora nin de poder cumprir cos obxectivos para 2025 ou 2030", así o asegura a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega).

Gráfica elaborada por Adega sobre as porcentaxes de reciclaxe nas plantas de Sogama. (Fonte: Adega).

Desde a asociación ecoloxista apuntan a que, sendo Sogama e a Xunta da Galiza as encargadas pola xestión de residuos no país, son estas as responsábeis da mala situación.

Ademais, apuntan a que "A situación fica claramente posta de manifesto polos últimos datos dispoñíbeis a nivel estatal, nos cales Galiza pasou de cuarta (2018) a terceira (2019) pola cola en reciclaxe, só despois de Melilla e Asturies.

O "fracaso" do contedor amarelo

Os datos do Ministerio de Economía e Empresa (Mineco) mostran que o contedor amarelo de Ecoembes, tras 24 anos de experimentación e operación, conseguiu unicamente captar 19,3% da masa en bruto dos residuos de envases xerados no ámbito Sogama.

Mais como se detalla no propio informe do Mineco, 33,4% dos residuos recollidos nese contedor amarelo xestionado por Sogama, acaban na incineradora.

Gráfica sobre reciclaxe de envases. (Foto: Adega).

Ao descontar eses materiais impropios ou non clasificados para recuperación na planta de selección de Sogama, a porcentaxe derivada de reciclaxe descende a 11,2% dos residuos de EnL (Envases Lixeiros).

Para Adega, " o modelo de contedor amarelo de Sogama, tras máis de dúas décadas de funcionamento, fracasou completamente no obxectivo de poder cumprir os requirimentos legais de reciclaxe destes residuos. Dada a lonxitude dos circuítos de recollida e a baixa densidade dos EnL, este modelo debería mudarse radicalmente".