A Deputación de Lugo arríncalle outra medalla ao ex director de Caixa Galicia

[Imaxe: SG]

Aproba en pleno desposuír José Luis Méndez de tal recoñecemento polas consecuencias da súa xestión á fronte da caixa galega. Xa non é fillo predilecto da Coruña e exixen que se lle retire tamén o Honoris Causa da UdC


Malia manter a millonaria xubilación que recibiu do banco que gobernou durante 29 anos como se fose seu, Caixa Galicia, José Luis Méndez vai perdendo pouco a pouco todos os títulos honoríficos que lle foran concedidos antes do seu retiro, polo que cobrou 16,5 millóns de euros. Após renunciar por si propio ao título de fillo predilecto do Concello da Coruña cando o pleno acordara xa retirarlle o nomeamento, a Deputación de Lugo vén de lle arrincar a medalla de ouro que lle outorgara hai dez anos.

A moción presentada polo BNG no pleno do goberno provincial foi aprobada por unanimidade polos tres grupos con representación (PP e PSOE, alén d@s nacionalistas). Mario Outeiro, voceiro da formación frontista, defendeu a iniciativa amparándose en que Méndez "puxo en perigo a continuidade de 2.500 posts de traballo directos na entidade, a desaparición da participación accionarial no banco e a viabilidade da obra social".

Referiuse tamén Outeiro ao resgate con diñeiro público que protagonizou, entre outras entidades, Novagaliciabanco, unha medida "que pagará a cidadanía e que acabará no peto de accionistas privados". Desde as bancadas do PSOE, Álvaro Santos fixo fincapé no consenso con que a medida foi acollida en pleno, sinalando que @s veciñ@s de Lugo "necesitan xestos por parte dos políticos que demostren que somos cercanos á realidade". O PP lembrou que foi tamén por unanimidade como se lle entregou, o 22 de decembro de 2003, a medalla de ouro que agora se lle retira ao ex director xeral de Caixa Galicia co mesmo apoio porque daquela "equivocámonos todos".

Rexeita os honores de fillo predilecto e di que el non os pediu

Igual que fixera o seu homólogo en Caixanova, Julio Fernández Gayoso, cando o pleno do Concello de Vigo lle retirou a medalla de ouro da cidade, José Luis Méndez tamén remitiu unha carta ao alcalde da Coruña, Carlos Negreira (PP), para renunciar ao título de fillo predilecto que lle fora concedido en 2006 e que tramitaba retirarlle pola súa xestión á fronte da caixa galega e a venda de participacións preferentes que supuxeron, en total, un roubo de 400 millóns de euros en aforros na Galiza. 

O BNG sinalou que a devolución do título honorífico "demostra que non era merecedor del" namentres EU convidou a Méndez a devolver tamén a indemnización millonaria que cobrou en concepto de xubilación. Pola súa banda, o alcalde Carlos Negreira recordou que no texto aprobado en pleno tamén se reclamou a demisión d@s concelleir@s do PSOE Mar Barcón e Salvador Fernández Moreda, que foron conselleiros de Caixa Galicia. Amb@s rexeitaron falar desta cuestión sinalando que o seu grupo municipal se limitou a apoiar unha iniciativa d@s estafad@s nas participacións preferentes. 

O estudantado exixe que se lle retire o Honoris Causa da UdC

Para alén das honras xa mencionadas de que era titular José Luis Méndez, en 2002 a Universidade da Coruña investiuno Doutor Honoris Causa nun acto presidido por Manuel Fraga en que se repasou o "relevante papel" que tivo á fronte da entidade bancaria con sede na Coruña. 

"Dez anos despois deste recoñecemento e á vista do acontecido no ámbito financeiro fica claro que representa absolutamente o contrario do que supón este recoñecemento". Pronunciouse así a responsábel de campus dos Comités na cidade herculina, Ana Barxa, en relación á petición realizada por esta organización estudantil en outubro de 2012 para que Méndez fose desposuído tamén desta distinción de honra da universidade pública.