A consellaría de Educación tamén 'carga' contra @s estudantes

Imaxe da protesta en Compostela (B.G.)
Culpa as 50 persoas que se fecharon na biblioteca de Ourense dos ''estragos'' e advirte de que ''non permitirá que queden impunes''. Na rúa, centos de voces responden á actuación policial: 'Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia'

A consellaría de Educación tamén 'carga' contra @s estudantes. Nunha nota de prensa emitida nesta cuarta feira, arremete contra as 50 persoas que ocuparon a Biblioteca Municipal de Ourense, e que foron desaloxadas pola forza de madrugada por un bo número de antidisturbios. Para o departamento que dirixe Jesús Vázquez, os estragos que o estudantado atribúe á policía española causáronos el@s mesm@s, e avísa@s de que "non permitirá que queden impunes.

"Romperon unha mesa, provocaron danos nos andeis e fixeron desaparecer unha bandeira de España", denuncia a nota emitida pola Xunta de Galiza, que recrimina tamén @s alí pechad@s o "aspecto de suciedade" que presentaba o edificio público "polos restos de comida, bebida e velas". Segundo di, os feitos foron postos en coñecemento do xulgado de Instrución de garda.

Para alén de que a narración do desaloxo feita pola Consellaría nada ten que ver coa versión achegada polo estudantado, a nota engade que @s pechad@s "tiñan colocadas pancartas asinadas por Galiza Nova, Xuventudes Comunistas, Estudiantes sen Futuro e AMI, e deixaron no habitáculo ocupado bandeiras comunistas e nacionalistas galegas".

Centos de berros: 'Rebelión, desobediencia contra a súa violencia'
Mais a explicación da Xunta non convenceu aos centos de persoas que se botaron ás rúas nas principais cidades do País para condenar unha actuación policial que os colectivos que convocaran o desaloxo --Galiza Nova, Xuventude Comunista, Adiante, Ami, Liga Estudantil, Liga Comunista Libertaria, 15-M Asemblea Aberta Ourense e Estudantes sen Futuro-- cualificaron de "represiva e violenta", alén de manifestaren o apoio ao estudantado ourensán.

En Compostela a concentración estaba fixada para as sete do serán na Praza do Toural. Aos berros de 'Menos policía e máis educación' ou 'Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia', ao redor de 150 persoas percorreron as rúas da capital da Galiza baixo o atento ollar da policía española, nunha camiñada polas principais rúas da Cidade Vella que foi aproveitada para protestar polo mesmo polo que se encerraran @s estudantes de Ourense: en contra dos recortes no Ensino público.