93.000 menores de 18 anos atópanse en risco de pobreza na Galiza

A pobreza fai parte da realidade da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Na actualidade, porén, Galiza sitúase como a quinta comunidade autónoma con menor taxa de pobreza e exclusión social na infancia.

Segundo os datos de 2022 achegados polo informe Análise da enquisa de condicións de vida con enfoque na infancia, elaborado pola Plataforma de Organizacións da Infancia da Galiza (POIG) e presentado esta sexta feira, “24,9% da infancia menor de 18 anos na Galiza vive en risco de pobreza ou exclusión social”.

As cifras, procedentes da taxa Arope, polas súas siglas en inglés -At risk of poverty and/or exclusion, sitúan Galiza nos postos de cabeza da Unión Europea e nos postos de cola do Estado español. A este respecto, os datos de Eurostat para 2022 sinalan que “España segue tendo a terceira taxa máis alta de risco de pobreza e exclusión social infantil na Unión Europea, só superada por Bulgaria e Romanía”.

A POIG indica que “na actualidade, Galiza sitúase como a quinta comunidade autónoma con menor taxa de pobreza e exclusión social na infancia”, Porén, matiza que “conta cunha renda media por unidade de consumo de 18.093 euros, o que supón 1.067 euros menos que a media nacional”. Ao tempo, resalta que “é unha comunidade envellecida, que conta con 374.000 menores de 18 anos, o que supón 4,6% do total de nenos, nenas e adolescentes de España, só por detrás de Asturias”.

78.000 galegas e galegos menores de 18 anos son pobres. Nesta dirección, a Plataforma de Organizacións da Infancia da Galiza destaca que “a taxa de pobreza infantil na Galiza é de 20,9%, o rexistro máis baixo de toda a súa serie histórica e é a quinta máis baixa de España”. Ao tempo, certifica que “a pobreza infantil é máis alta que a existente para o conxunto da poboación, que é de 18%”.

A diferenza entre unha e outra taxa na Galiza é a mais baixa do todo o espazo estatal. Isto explícase polo escaso peso da poboación menor de 18 anos no conxunto do país, como consecuencia dunha lóxica demográfica de acelerado envellecemento. Precisamente, onde máis ten aumentado a pobreza na Galiza en 2022 é entre as persoas maiores de 65 anos, pola escasa contía das pensións de xubilación.

Pobreza severa

O informe cifra en 31.700 os menores de 18 anos residentes na Galiza que sofren pobreza severa. Nesta categoría, inclúense nenos, nenas e adolescentes que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% á media da renda estatal, unha cifra notabelmente inferior á empregada para definir o risco de pobreza e, por tanto, o indicador agrupa persoas que están nunha situación límite. Neste sentido, o limiar de renda utilizado en 2022 para considerar que un fogar está en pobreza severa é de 560 euros por unidade de consumo ao mes.

A taxa de pobreza infantil severa na Galiza está por baixo da media estatal. Malia que os dados de 2022 son mellores que os dos dous anos anteriores, seguen por riba dos valores da década pasada. Tamén a pobreza infantil severa é superior ao do conxunto da poboación, representando no primeiro 8,5% e no segundo 6,5%.

A Plataforma de Organizacións de Infancia urxe medidas ás diversas administracións para reverter a situación e propón a “elaboración dun plan de apoio ás familias monoparentais para facer fronte aos elevados índices de pobreza que padecen”. Ao tempo, reclama “apoiar as familias con nenos e adolescentes a cargo con algún tipo de discapacidade” e “pór en marcha un plan de choque contra o abandono e o fracaso escolar”.

Alternativas

A plataforma promotora da Análise da enquisa de condicións de vida con enfoque na infancia demanda “acelerar a tramitación de bolsas de alimentación para familias de baixos ingresos con fillos a cargo”. Asemade, amosa a súa preocupación pola situación das zonas rurais, que concentran as máis elevadas bolsas de pobreza e esixe actuacións “para que os nenos, nenas e adolescentes que viven nesas zonas non teñan que abandonalas por falta de recursos, servizos ou oportunidades”

Na mesma liña, o POIG pide “prestar especial atención ás familias máis vulnerábeis con fillos e fillas a cargo, coa finalidade de tomar as medidas oportunas e prever a entrada no sistema de protección".