Educación

900 alumnos e alumnas da Galiza poderán participar en programas de intercambio no estranxeiro

Alumnado dun instituto galego. (Foto: Arxina)
Poderán participar un total de 45 centros, cun máximo de 20 alumnos e alumnas de cada un deles.

Un total de 900 alumnos e alumnas da Galiza poderán integrarse no sistema educativo doutros Estados a través do programa EduExchanges, de promoción dos intercambios entre estudantes para crear e consolidar proxectos de cooperación educativa e asociacións entre as distintas partes.

O alumnado galego participante deberá estar acompañado polo profesorado designado polo centro educativo para tal efecto, que realizará observación directa no centro educativo estranxeiro durante a súa estancia.

A través desta observación doutras metodoloxías e o seu impacto nos procesos de aprendizaxe do alumnado, potenciarase o traballo conxunto e fomentarase a reflexión sobre actuacións innovadoras, que se pretende que redunden no estabelecemento de proxectos comúns.

Poderán beneficiarse desta convocatoria os alumnos de sexto de Primaria, da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de primeiro de Bacharelato de centros educativos públicos que desenvolvan programas de intercambio durante o curso 2023-2024. A lingua vehicular do intercambio pode ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumnado.

O centro educativo será o encargado de chegar a un acordo cun centro estranxeiro co que levar a cabo este proxecto e o encargado de seleccionar ao alumnado participante.

O acordo debe ser previo á solicitude de participación no programa de intercambio e o réxime será de residencia coa familia do alumno ou da alumna de intercambio estranxeira.

Prazo de solicitude

O prazo para solicitar a participación neste programa estará aberto até o 25 de setembro e as peticións deberán formalizarse a través da aplicación de Programas Educativos. Poderán participar un total de 45 centros, cun máximo de 20 alumnos e alumnas de cada un deles.