800 voluntarias retiran 13 toneladas de refugallos en 50 ríos galegos

Na XIV Limpeza simultánea de ríos do Proxecto Ríos.

Perto de 800 voluntarios e voluntarias involucráronse na XIV Limpeza Simultánea de Ríos impulsada por Proxecto Ríos,  iniciativa promovida por Adega dende o ano 2005. Unha limpeza que se desenvolveu en tramos de ríos que transcorrían por 51 concellos galegos ao longo e ancho do país: de Foz a Vigo, do Grove a Navia de Suarna

En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, sumando un total de 67 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Gondomar, Ames ou Santiago de Compostela, entre outros. Este ano fíxose a limpeza en 50 treitos de río.

O resultado: a retirada de 13 toneladas de residuos de todo tipo, Recolléronse desde garrafas, bolsas até motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos.

O resultado: a retirada de 13 toneladas de residuos de todo tipo, Recolléronse desde garrafas, bolsas até motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos.

“As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia e tamén máscaras”, sinalan desde a organización. “É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os leitos e ribeiras”.

"O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, lembran, “somos xente que axuda a concienciar a sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta”.

O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental que basea o seu labor en tres piares fundamentais: a importancia da educación ambiental para dar a coñecer os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación, a constancia do traballo co voluntariado ambiental, que se fai responsábel dun treito de río, e o fomento da participación cidadá como ferramenta fundamental que permita camiñar cara a unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas.