Caderno de Verán

Os 15 anos do Proxecto Ríos

Unha saída dos ecoloxistas co voluntariado a un río (Foto: Adega)
Esta iniciativa medioambiental, que comezou en 2004 da man da Asociación Ecoloxista Adega, conseguiu sensibilizar a sociedade galega na protección dos ecosistemas fluvial. Aínda así queda traballo para moitos anos máis

En 2004, coordinado en Galiza por Adega, comeza a súa andaina o Proxecto Ríos. Logo de quince anos fluíndo, o proceso de implantación e de consolidación do Proxecto Ríos non puido ser máis positivo, converténdose nun referente nos programas de educación ambiental, voluntariado ambiental e custodia fluvial en Galiza.

O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental que basea o seu labor en tres piares fundamentais: a importancia da educación ambiental para dar a coñecer os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación, a constancia do traballo co voluntariado ambiental, que se fai responsábel dun treito de río, e o fomento da participación cidadá como ferramenta fundamental que permita camiñar cara a unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas. 

O voluntariado é a peza fundamental desta iniciativa. Sen o seu labor, o proxecto non tería acadado a actual repercusión e, grazas á súa participación, teñen aumentado e diversificado as propostas e accións desenvolvidas nos ecosistemas fluviais.

A participación no Proxecto Ríos, tanto a nivel particular como de diferentes entidades, concrétase na realización de dúas inspeccións anuais do río escollido, unha na primavera e outra no outono. As inspeccións consisten na análise das características biolóxicas, físico-químicas, hidromorfolóxicas e patrimoniais dos ecosistemas fluviais, empregando os materiais proporcionados de forma gratuíta polo Proxecto Ríos. Cos datos obtidos elabórase anualmente o informe do estado de saúde dos ríos galegos.

Este traballo ten, por unha banda, o obxectivo de poñer en valor as actividades de inspección que realiza o voluntariado e, por outra, informar á sociedade do estado de saúde ou da calidade dos nosos ecosistemas fluviais. Como resumo dos informes realizados durante estes quince anos, podemos dicir en xeral, que os ríos inspeccionados teñen mellorado en canto á súa calidade da auga e teñen empeorado en canto á situación do bosque de ribeira.