80 semanas consecutivas en defensa da sanidade pública de Moaña: "Non nos imos render"

A veciñanza de Moaña (O Morrazo) leva 80 domingos consecutivos mobilizándose para exixir a recuperación de servizos médicos na vila. (Foto: Nós Diario)

"Non reclamamos nin máis nin menos: pedimos o mesmo nivel de atención que tiñamos hai tres anos"

A veciñanza da vila morracense de Moaña é incansábel, sobre todo no que ten a ver coa defensa dos seus dereitos. Desde o primeiro domingo de decembro de 2021, coa deste 11 de xuño son xa 80 semanas consecutivas mobilizacións nas que veciñas e veciños desta vila do Morrazo saen ás rúas en defensa dunha sanidade pública de calidade.

En máis de ano e medio de manifestacións semanais ininterrompidas convocadas pola Mesa da Sanidade de Moaña e pola Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Moaña, a veciñanza de Moaña, mantense firme nas súas reclamas.

A súa alcaldesa, a nacionalista Leticia Santos, explicou a Nós Diario ao inicio da manifestación que “cando comezamos a mobilizarnos, estabamos con só dous médicos na quenda de tarde, e un deles estaba de baixa de longa duración. Máis de 2.800 persoas de Moaña estivemos 14 meses sen médico de Atención Primaria.”

“14 meses agardando a que se cubrisen dúas vacantes e conseguimos que se cubriran, realmente, hai só un par de meses”, di. Esta era unha das tres demandas iniciais da veciñanza de Moaña, que a mobilización social conseguiu solucionar.

Ao PAC, a Cangas

Mais aínda fica moito por facer. “Outra das consignas era a volta do servizo de Urxencias para Moaña”, sinala Santos. O Sergas concentrou as urxencias extra hospitalarias, con motivo da pandemia da Covid-19, no Punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas, xuntándoo coas dúas unidades de PAC que xa había neste concello.

“A situación sanitaria na actualidade é de plena normalidade e, non obstante, a Moaña aínda non lle devolveron o PAC”, denuncia Santos. “Primeiro dábannos a escusa de que tiña que mellorar a situación epidemiolóxica: mellorou. Logo, que tiñan que facer obras de adecuación na Casa do Mar de Moaña que permitise devolvernos o servizo: tan sequera o intentaron, era unha escusa máis. E o que agora nos din é que os equipos médicos non queren que haxa PAC en Moaña”, relata a alcaldesa a Nós Diario.

“A veciñanza de Moaña está farta de escusas, está farta de soportar unha situación que é máis vulnerábel aínda para as persoas maiores e para aquelas que non teñen medio de transporte propio para desprazarse até Cangas, especialmente polas noites e nas fins de semana, que é cando se fai uso deste servizo e cando o transporte público reduce as súas frecuencias”, explica Santos.

Reforzo de ambulancias

Desde a Consellaría de Sanidade defenden que ir até Cangas até Moaña é un desprazamento próximo, máis, segundo afirma a alcaldesa da vila, “Cangas está moito máis lonxe dos hospitais que Moaña”, punto no que basean a súa terceira reclama: o reforzo de ambulancia, “cando menos mentres permaneza o PAC desviado en Cangas”.

Cangas e Moaña teñen cada súa base de ambulancia. Os tempos de traslado dos equipos médicos téñense incrementado por mor da desviación do PAC a Cangas, “co que iso supón nunha urxencia médica”. “Non é o mesmo recoller un equipo médico en Moaña para atender unha urxencia médica na mesma vila, a que a ambulancia de Moaña teña que ir a Cangas, recoller o equipo médico e volver”, afirma Santos.

Moaña xa contou con reforzo no servizo de ambulancias co terceiro vehículo médico cando o corredor do Morrazo estivo fechado por obras, mais “agora denégannolo”.

Moaña, sen pediatra

Ademais destas tres reclamas, a Mesa da Sanidade de Moaña tamén saíu a denunciar cada situación. Esta mesma semana a vila morracense ficaba sen servizo de pediatra no seu centro de saúde. “Debido á ausencia de pediatra no centro de saúde no día de hoxe, as consultas urxentes deberán acudir ao servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro”, anunciaba esta sexta feira, 9 de xuño, un cartel pendurado nas postas de acceso ao ambulatorio de Moaña.

A este respecto a alcaldesa da vila afirma que “para nós, o feito de non ter o PAC en Moaña supón un trastorno moi importante”. E é que “hai parroquias de Moaña que están mellor conectadas co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que co PAC de Cangas”, denuncia.

A alcaldesa de Moaña afirma, tamén, que o feito de non ter PAC en Moaña leva tamén a que algunhas farmacias non teñan servizo de garda, obrigando a veciñanza a desprazarse a outras vilas para conseguir medicamentos fóra de horario.

“Non nos imos render”

“Esta é a situación á que nos aboca a Consellaría”, afirma Leticia Santos a Nós Diario. Porén, a veciñanza de Moaña teno claro: “Non nos imos render”.

“Levamos 80 semanas reclamando. Xa pasamos veráns, pasamos outonos, pasamos primaveras e pasamos invernos e imos seguir pasando até que o noso centro de saúde teña toda a carteira de servizos que tiñamos en 2020. Non reclamamos nin máis nin menos: pedimos o mesmo nivel de atención que tiñamos hai tres anos”, sentencia Santos.