"Os dereitos das mulleres non se confinan": o feminismo chama a ocupar o espazo público no 8-M

Concentración en Ferrol

Sindicatos, colectivos feministas e de mulleres manteñen perto dun cento de convocatorias na Galiza que chaman á mobilización con motivo do 8 de marzo. A resposta das Subdelegacións do Goberno español foi unánime: un escrito de Saúde Pública no que non aclara se permite ou non a mobilización e no que se limita a pedir que se cumpran as normas. O compromiso do movemento feminista é anterior e busca contestar na rúa o intento de criminalización que sufriu nas últimas datas.

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, sindicatos e colectivos feministas chaman á mobilización e participación de todas as mulleres na xornada de folga convocada para esta segunda feira.

O movemento feminista galego reivindica o seu dereito a saír do ámbito doméstico e a ocupar o espazo público para evitar, con todas as medidas de seguridade, que os problemas das mulleres fiquen confinados tras as portas.

"Queremos que en 2021 Galiza volva ser un referente na mobilización das mulleres a nivel global". Máis unha vez, aseguran desde Galegas 8-M, coordinadora desde hai catro anos dun 8 de marzo en chave galega, diversa, inclusiva e horizontal, "faremos tremer o país co berro do feminismo, tinxindo as rúas de lila".    

Outro modo de organizar

As cores non van mudar, mais a pandemia obrigou os colectivos feministas e de mulleres a repensar as súas accións e o modo de ocupar o espazo público co obxectivo de garantir  as medidas de seguridade e o coidado da saúde.

"Se alguén sabe coidar, esas somos nós", afirman, para salientar  o cumprimento dos protocolos sanitarios, guía fundamental para o acordo de novas recomendacións á hora de organizar marchas, concentracións e mobilizacións polas rúas da Galiza.

Máis citas máis diversas

Neste sentido, o movemento feminista avogou por ampliar o número de convocatorias e trasladar algunhas delas a localidades máis pequenas, co fin de sortear desprazamentos innecesarios.

Os percorridos multiplícanse, aínda dentro dunha mesma cidade. Increméntase a oferta horaria. Os itinerarios foxen das rúas estreitas. E todas as concentracións, estáticas ou en movemento, aseguran os dous metros de distancia ademais de obrigar ao uso da máscara. 

Mobilizacións

As Subdelegacións do Goberno recibiron comunicación de perto dun cento de concentracións e manifestacións en máis de medio cento de localidades galegas, convocadas fundamentalmente pola CIG e polo colectivo Galegas 8M, do que a central sindical fai parte.

A Secretaría das Mulleres do sindicato nacionalista convoca 31 mobilizacións previstas para o mediodía desta segunda feira, 8 de marzo, en cidades e vilas das comarcas da Coruña, Carballo, Cee, Ferrol, As Pontes, Ribeira, Compostela, Lugo, A Mariña, Ourense, Verín, Pontevedra, Vilagarcía, O Grove, Cambados, Lalín, A Estrada, Bueu, Cangas, Moaña, Redondela, O Porriño e A Guarda son algunhas vilas escollidas ás que a plataforma feminista suma, xa en horario de tarde, máis dunha trintena de convites. 

Columnas de mulleres

As asembleas locais propón desde treboadas a marchas en bicicleta, ademais de concentracións e manifestacións nas principais vilas e cidades. 
Oleiros, Boiro, Catoira, Vila de Cruces, Vilaboa, Cervo, Xove, Viveiro, Xermade, Chantada, Monforte, Vilalba... figuran tamén na axenda de mobilizacións, que mudarán os berros e cánticos por ruído, e as aglomeracións por columnas de mulleres

Folga de 24 horas

A xornada de mobilizacións prevista para o 8-M volve coincidir cunha xornada de folga de mulleres de 24 horas convocada polos sindicatos CIG e CUT, mais por Erguer, Sindicato de Estudantes. Un chamamento ao que fai seu a plataforma Galegas 8M, promovendo unha folga laboral, de coidados, de consumo e estudantil. Contra un sistema capitalista e patriarcal, contra a privatización dos servizos esenciais para o coidado, contra a invisibilidade das profesións feminizadas e a precariedade das pensións das galegas. Polo dereito a maternar de forma digna e o reparto corresponsábel dos tempos e dos traballos.

Boicot e desprestixio

O 8-M chega cargado de razóns para a mobilización, defende o movemento feminista, firme fronte a campaña de desprestixio e criminalización da que vén sendo obxecto. Agora máis que nunca, "os nosos dereitos non poden ficar confinados", aseguran desde a Secretaría das Mulleres da CIG. "Urxe saír á rúa para exixir medidas reais contra a precarización das condicións de vida das mulleres, mais visibilizar e frear o detrimento das nosas condicións laborais, de saúde, económicas e sociais derivadas desta crise".

Os coidados, no centro

A pandemia devolveu as mulleres ao ámbito doméstico e volve situar os coidados no foco. Coidados que piden colocar no centro e que son, de novo, motor de todas as reivindicacións. Visíbeis, remunerados, públicos, humanizados. Que non leven as mulleres a renunciar aos seus dereitos laborais ou de conciliación real.

O peso da Covid na vida das mulleres

A pandemia deu a razón ao movemento feminista ao situar a vida no centro e remarcar o valor dos coidados ao mesmo tempo que empeorou as condicións de vida das mulleres. De aí a necesidade de porfiar: "Sen coidados non hai vida. Mulleres en folga: esenciais, precarizadas e fartas".