79,5% das sentenzas por violencia de xénero foron condenatorias

As demandas por violencia machista creceron 2,7% na Galiza. (Fonte: CXPX, Nós Diario)
Os xulgados galegos recibiron 6.259 denuncias por violencia de xénero en 2021, 2,7% máis que en 2020. Os órganos xudiciais galegos adoptaron 70 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, 118,8% máis que en 2020.

Os xulgados galegos recibiron 6.259 denuncias por violencia de xénero en 2021, 2,7% máis que en 2020, cando se presentaron 6.097. A gran maioría, 5.107, chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.

Tamén aumentaron as vítimas, xa que en 2020 contabilizáronse 6.073, fronte ás 6.219 de 2021, o que supón unha suba do 2,4%. A taxa de violencia de xénero (vítimas por cada 10.000 mulleres) na Galiza situouse en 44,5, a segunda máis baixa do Estado -con media de 66-, só por detrás de Castela e León, con 42,6.

Con respecto a 2019, as denuncias descenderon. O ano previo á pandemia presentáronse 6.551, 4,4% máis que en 2021. Con todo, aumentou 3,7% o número de vítimas, posto que en 2019 contabilizáronse 5.997, fronte ás 6.219 do ano pasado.

Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron 2.164 sentenzas en 2021, das que 1.721, é dicir, 79,5%, foron condenatorias.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), na Galiza descenderon 29,9% os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. En 2021 optaron por esta opción 471 mulleres, fronte ás 672 que o fixeron no mesmo período de 2020.

Ordes de protección

Durante o ano pasado solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 1.784 ordes de protección, 11,2% menos que en 2020, cando se demandaron 2.009. Delas, foron acordadas 1.176, 66%, fronte ás 1.291 de 2020. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 410 destas ordes.

Xulgados de menores

Ademais, en 2021 os xulgados de menores axuizaron a sete personas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, mentres que en 2020 foron xulgados dez menores por procesos de violencia contra a muller.

Suspensións do réxime de visitas ás crianzas

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer ás crianzas das vítimas, que reflicten as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, revelan que durante 2021 os órganos xudiciais galegos adoptaron 70 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, 118,8% máis que en 2020, cando se adoptaron 32. No último trimestre do ano pasado, o incremento superou 500% con respecto ao mesmo período do 2020.