76% da poboación galega admite preocupación por non chegar a ter unha xubilación cómoda

A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)

A “preocupación” que provoca o incremento do custo das facturas está a ter un efecto negativo no benestar financeiro

76% das galegas e dos galegos admite que lles xera inquietude non poder permitirse unha xubilación folgada, unha porcentaxe que se sitúa 14 puntos por riba da media europea (62%), segundo recolle o 'Informe Europeo de Pagos de Consumidores' de Intrum. No caso da poboación do Estado español, a porcentaxe que admite inquietude baixa a 70%.

De acordo co estudo publicado esta cuarta feira, España sitúase entre os 10 Estados máis preocupados sobre a súa xubilación, nunha listaxe encabezada por Portugal (79%), e por riba de Francia (60%), Alemaña (58%), Reino Unido (57%) ou Italia (55%).

O informe realizado por Intrum revela que 73% dos enquisados no Estado español teme que a inflación reduza os seus aforros en efectivo, unha porcentaxe de resposta que se atopa dous puntos por riba da media europea (71%).

Preocupación polo impacto da inflación no seu benestar financeiro

"Nos últimos meses, o aumento xeneralizado dos prezos tamén levou a un encarecemento da vida cotiá que, en moitas ocasións, tradúcese nun maior estrés financeiro para a cidadanía", sinálase no estudo.

Neste sentido, máis da metade (51%) dos enquisados e das enquisadas para o informe en España indica que a preocupación que lle provoca o incremento do custo das facturas está a ter un efecto negativo no seu benestar financeiro. Esta porcentaxe atópase 10 puntos por riba do rexistrado en 2021, o que reflectiría que a poboación cada vez presta maior atención a este aspecto.

Con todo, a porcentaxe española sitúase 7 puntos por baixo da media europea (58%). O informe realizado por Intrum sinala que, dos 24 países analizados, Grecia (78%), Letonia (71%) e Portugal e Polonia (70%) sitúanse como aqueles nos que máis habitantes se mostran máis preocupados. Pola contra, no outro extremo atópanse Noruega (47%), Dinamarca (46%) e Países Baixos e Suíza (45%).