7 de setembro: Cinco mil tractores en Compostela para exixir prezos xutos para o leite

A Plataforma galega en defensa do sector lácteo organiza para ese día na capital de Galiza unha tractorada multitudinaria de tres días, até o 10. “Pedimos a máxima contundencia e participación”, solicitan.

O desleixo, incapacidade ou desinterese de Estado e Xunta para actuar contra unha crise que ten coa corda ao pescozo a milleiros de gandeiros galegos está a atopar unha firme resposta desde o sector lácteo galego. Esta segunda feira, e perante “a falla de resposta a unha situación agónica”, a Plataforma galega en defensa do sector lácteo acordou reforzar as mobilizacións, tanto en número como en contundencia. Así, entre esta semana e a primeira de setembro haberá catro manifestacións e o día 7 do vindeiro mes, en Compostela, daranse cita 5.000 tractores. Esa é a cifra que se propón mobilizar a Plataforma para a data na que hai unha manifestación en Bruxelas dos gandeir@s co gallo dunha cimeira de ministros de Agricultura da UE.

E a intención dos produtores galegos é que desde o día 7 e até o 10, data límite fixada pola propia ministra española para ter un acordo entre todos os ellos da cadea do leite, os tractores permanezan en Compostela. “Pedimos a máxima contundencia e participación”, manifestaron desde a Plataforma, que solicita o apoio de todos os sectores produtivos e movementos políticos e sociais na defensa dun sector chave para o rural galego e o país. “Que nos escoiten”.