Máis dun milleiro de tractores toman Vilalba para defender un futuro para o sector lácteo e o rural galego
A multitudinaria mobilización reuniu gandeir@s e veciñ@s de diferentes comarcas do país, que exixiron prezos xustos e solucións, para alén de lamentar a 'inhibición' de Estado e Xunta perante unha crise “que nos afoga”.
'Nin un paso atrás na defensa d@s gandeir@s galeg@s', a faixa, portada por mulleres, resumía como poucas o sentir desta quinta feira en Vilalba, a vila que acolleu a nova mobilización (a primeira após a cimeira no Ministerio) do sector lácteo galego. Máis de mil tractores e centos e centos de gandeir@s e veciñ@s procedentes de diferentes comarcas do País ateigaron a capital da Terra Chá nunha mostra de forza e de que o sector galego non se resigna. As reivindicacións, as mesmas que expuxeron xa no 'tour de force' que están a protagonizar este mes: Arzúa, Santa Comba, Lalín...: prezos xustos para o leite, non ás presións nin chantaxes, un futuro digno para o rural galego.
Xulio Gundín, de UUAA, afirmou que unha terceira arte dos gandeir@s está a cobrar por baixo dos custos de produción e cualificou a marcha de Vilalba como "masiva" porque "a situación vai a peor e na reunión de Madrid co Ministerio non se solucionou nada".
Esta sexta feira haberá nova mobilización, desta volta en Ordes. O 25 será en Sarria e o 27 en Curtis. O 3 de setembro, en Compostela.
Os sindicatos xa anunciaron que estaban dispostos a recrudecer as mobilizacións porque a situación actual é "inasumíbel".
Imaxes: @revistaafriga @mariadcalvo e @jpenalta